Xustiza

Prisión para o home que roubou en Tui unha furgoneta cun bebé dentro e ao que investigan por varios supostos delitos

Sede dos Xulgados de Tui. (Foto: Google)
Está investigado por furto de uso de vehículo, por conducir sen o carné en vigor e por detención ilegal, e tamén por un presunto delito de agresión sexual, xa que cando o menor foi atopado "non estaba vestido exactamente igual" que cando o deixara a nai no vehículo.

O xulgado de instrución número 3 de Tui (Baixo Miño) vén de acordar o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o home detido esta segunda feira neste mesmo municipio, logo de subtraer unha furgoneta aparcada nas inmediacións dun colexio, o CEIP Plurilingüe, e en cuxo interior se atopaba un menor de dous anos de idade.

Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, o home detido está investigado por furto de uso de vehículo, por conducir sen o carné en vigor e por detención ilegal pero, ademais, nese procedemento investígase a suposta comisión doutros delitos.

Un deles é un presunto delito de agresión sexual, xa que cando o menor foi atopado, "non estaba vestido exactamente igual" que cando o deixara a nai no vehículo, aínda que a Garda Civil non lle atribuíu ao detido o devandito delito cando procedeu á detención.

A respecto desta cuestión, fontes xudiciais aclararon que ese delito figura como un dos investigados na causa e que "o xulgado está a realizar as dilixencias de investigación oportunas para descartar a súa existencia". Con todo, matizaron que, no seu auto, a xuíza non o envía a prisión "por estes feitos".

O xulgado tamén o investiga por lesións, danos e por unha tentativa de roubo con forza —xa que antes de ser detido tratou de apalancar un caixeiro dunha oficina bancaria de Tui—. A maxistrada acordou o ingreso en prisión polo risco de reiteración delituosa e pola gravidade das penas que lle poderían ser impostas, o que incrementa o risco de que escape á acción da Xustiza.

O home ten antecedentes por delitos violentos e que xa fora arrestado uns días antes por vulnerar unha orde de afastamento da súa nai. Foi detido esta segunda feira após subtraer unha furgoneta que a nai do menor aparcara diante do colexio, deixándoo dentro e coas chaves postas no vehículo, para recoller outro fillo. Ao regresar non estaban nin o vehículo nin o neno.

De inmediato despregouse un dispositivo de procura, con participación de Policía Local, Protección Civil e Garda Civil. Momentos despois, uns veciños avisaron da presenza dun home sospeitoso, na zona de Veiga do Louro, nunha furgoneta cun bebé, e a Garda Civil desprazouse ao lugar, onde procedeu á detención do home. Mentres, o neno, en aparente bo estado, foi trasladado a un centro sanitario para se someter a un recoñecemento.