Detido un home que roubou unha furgoneta en Tui cun bebé de 2 anos dentro

O furto do vehículo produciuse nos exteriores do CEIP Plurilingüe de Tui. (Foto: Google)
A nai aparcou nas inmediacións do colexio para recoller o outro fillo e deixou a outra menor no interior do vehículo, coas chaves postas.

A Policía Local de Tui detivo na tarde desta segunda feira un home tras subtraer unha furgoneta neste municipio do Baixo Miño cunha nena de dous anos dentro, que se atopa en bo estado. Segundo fontes coñecedores da investigación consultadas pola axencia Europa Press, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde nas inmediacións do CEIP Plurilingüe número 1 de Tui, cando unha nai aparcou a súa furgoneta para recoller outro dos seus fillos.

A muller deixou a outra menor, de dous anos de idade, no interior do vehículo, coas chaves postas, mentres ía ao colexio e, ao regresar, atopouse con que non estaba nin a furgoneta nin o menor. Segundo informaron fontes municipais e da Comandancia da Garda Civil, ao coñecerse o sucedido, de inmediato despregouse un amplo dispositivo para dar co vehículo e co neno.

A furgoneta foi interceptada pola Policía Local na zona de Veiga do Louro, en Guillarei, dentro do propio municipio de Tui, e no interior, ademais do condutor, estaba a nena, que se atopaba en aparente bo estado, aínda que foi trasladada a un centro de saúde para ser avaliada.

Polo de agora non transcenderon máis datos a respecto das circunstancias do furto do vehículo, aínda que si se ten constancia de que o detido por estes feitos ten antecedentes policiais.