Xustiza

Prisión sen fianza por homicidio para os dous detidos polo crime de Arteixo

Un dos detidos pasando esta terza feira a disposición xudicial. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A vítima é un home de 42 anos, con iniciais G.S.R., porteiro dun local de lecer nocturno na Coruña.

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña, en funcións de garda, decretou a última hora desta terza feira prisión provisional comunicada e sen fianza, por homicidio, para os dous detidos pola morte dun home en Arteixo (comarca da Coruña) que recibiu uns disparos na rúa na tarde do domingo. Fíxoo tras pasar ambos os dous esta terza a disposición xudicial.

O falecido é un home de 42 anos, con iniciais G.S.R., porteiro dun local de lecer nocturno na Coruña, confirmaron, á súa vez, fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press. Segundo informou o servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza, os profesionais do 061 tiveron coñecemento dos feitos ás 17.55 horas do domingo e ao lugar enviaron unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA).

A vítima foi atendida e finalmente faleceu no punto. Desde a Garda Civil ratificaron que manteñen todas as hipóteses abertas en relación á investigación que se abriu tras os feitos, se ben desde a Delegación do Goberno estatal na Galiza trasladaron que se está a investigar como un caso de homicidio.

Foi un particular quen alertou a central de emerxencias do 112, após atopar o home tirado na estrada, na rúa José Pérez Ballesteros (parroquia de Oseiro), sen saber moi ben que sucedera até que percibiu que había persoas con armas nos arredores do lugar.

Con esta información, os xestores do 112-Galiza pediron a colaboración dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, ademais dos profesionais do 061 para atender o ferido, malia que finalmente nada puideron facer pola súa vida.