Primeiros incendios da temporada cos traballos de prevención sen rematar

[BRIF Tabuyo] Imaxes do incendio de Monforte recollidas polos bombeiros.
O 1 de xullo deu comezo a temporada de alto risco de incendios, con máis de 140 hectáreas de terreo calcinadas a pasada fin de semana. No ecuador do primeiro mes, os Concellos continúan formando as súas brigadas e limpando as franxas. 

O  1 de xullo deu comezo a tempada de risco alto de incendios, marcada polo retardo dos labores de prevención debido a Covid-19 e mais o conflito laboral aberto, e sen resolución á vista, entre o persoal do servizo de prevención contra incendios e a Consellaría de Medio Rural.

A nivel de focos a campaña "empezou tranquila", di Josafat Puente. "Até hai uns días, agora as condicións son máis propicias, con vento do nordés e altas temperaturas, e detectáronse máis fogos", explica a Nós Diario este brigadista. No detectado no concello de Ourense a pasada fin de semana, e onte xa baixo control, calcináronse arredor de 60 hectáreas. Nas mesmas xornadas, extinguíronse focos en Porto do Son e no parque da Enciña da Lastra, en Rubiá.

"Eu participei nos labores de extinción do incendio de Porto do Son, o distrito ficou con dúas brigadas compostas por dous e catro profesionais cada unha, ademais dunha motobomba, se nese momento prendesen dous incendios máis un tería ficado desatendido", expón Puente, advertindo da necesidade de contar con "máis persoal".

Prevención confinada

Os labores de extinción parten este ano dunha base máis complexa, xa que a vexetación medrou na pasada primavera, mentres que os labores de prevención de lumes víronse paralizados polo confinamento. O 19 de maio o Diario Oficial da Galiza publicou a resolución que permitiu os traballos de roza, mantemento e limpeza de terreos forestais e en fincas de solo urbano, urbanizábel e rural. A Xunta ampliou o prazo dos traballos de limpeza do monte até o 16 de xullo, mais a prórroga non foi suficiente.

Tamén os traballos do persoal de prevención de incendios se viron afectados. "Estamos a rematar as tarefas de mantemento dos puntos de recollida de augas e de limpeza de infraestruturas, o avance depende un pouco de cada distrito”, apunta Xabier Bruña, enxeñeiro forestal e técnico de distrito, a Nós Diario.

Paralelamente, coa tempada de alto risco de incendios iniciada, as Administracións locais están a ultimar, a través dos convenios asinados coa Xunta da Galiza, a formación das súas brigadas e a levar a cabo os traballos de limpeza das faixas secundarias, as que arrodean os núcleos urbanos próximos aos terreos forestais.

Nesta mesma semana, Xunta completará os labores de roza e limpeza das marxes das estradas galegas da comarca de Celanova, no marco da súa responsabilidade sobre a xestión da biomasa nas redes primarias, que inclúen as vías de comunicación ou os tendidos eléctricos.

Na anterior semana, o Concello de Ourense anunciou que a Xunta colaborará na limpeza de máis de 15.000 parcelas, ao abeiro dun convenio de cooperación. Están incluídas nas parroquias prioritarias polo alto número de incendios ou de hectáreas queimadas rexistradas nelas. A Xunta reduciu neste ano o número de parroquias desa tipoloxía, de 71 a un total de 28.

Estes convenios naceron en virtude dun acordo asinado a tres bandas entre a Federación galega de municipios e provincias (a Fegamp), a Xunta e mais Seaga. E a raíz de que as Administracións locais advertisen das súa falta de recursos, materiais e de persoal, para levar a cabo estas tarefas. 
A limpeza está enmarcada no obrigatorio Plan de prevención contra incendios que debe elaborar e aprobar todo Concello. Análogas dificultades levaron a que o acordo a tres bandas incluíse que a Administración galega asuma a súa redacción.

Porén, dos 186 entregados pola Xunta só 53 recibiron luz verde nos correspondentes plenos locais. E 31 están en proceso de elaboración, segundo a Consellaría de Medio Rural, polo que é probábel que ao remate desta tempada aínda fiquen municipios sen o seu plan. Cuestionada por este medio, a Xunta non especificou cales.

Os profesionais consultados por Nós Diario coinciden en que a Covid-19 e o confinamento afectaron ao avance dos labores de prevención, mais tamén en descargar parte da responsabilidade na Administración galega. "Hai tempo que os incendios mudaron, pero os dispositivos e os plans de prevención non", especifica Xabier Bruña. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 21, nos quiosques ou na nube]