Comeza a tempada de alto risco de incendios con políticas de costas á realidade do territorio

En 2017 a vaga de lumes deixou 67.000 hectáreas de terreo queimado (Imaxe: Europa Press)
Hoxe dá comezo a tempada de alto risco de incendios con alomenos 133 Concellos sen teren os seus plans de prevención aprobados. O persoal implicado na prevención e extinción coincide na necesidade estender os esforzos a todo o ano e, en consonancia con comunidades veciñais e expertas en xestión do territorio, inciden na necesidade de contar coa poboación na planificación.

Hoxe, 1 de xullo, dá comezo a campaña de alto risco de incendios. Faino cun conflito laboral aberto entre a Xunta da Galiza e mais o persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) e cun mínimo de 133 Concellos sen os correspondentes e obrigatorios plans de prevención contra os incendios aprobados.

As reclamacións do persoal, contactado por Nós Diario, non se limitan a reorganización dos dispositivos contra o lume ou das condicións do persoal, senón que abranguen o territorio no que realizan o seu labor, quen o habita e a normativa que rexe sobre el. Coma os incendios, din, a poboación das áreas rurais e mais os usos da terra mudaron. E cómpre unha lexislación que teña esta evolución en conta. 

Os grandes lumes

Ao longo das tres décadas pasadas, os incendios que prenden na Galiza nos meses do verán diminuíron en tamaño mais aumentaron en intensidade. Cando Paulino Ferreira comezou a traballar como bombeiro forestal en 1994, os pequenos lumes, de menos dunha hectárea, ardían por miles. En 1995 contáronse 15.200 en todo o país.

O enxeñeiro de montes Xabier Bruña engade que a finais daquela década, na área de Viana na que traballaba no equipo de extinción, apagaban até cincuenta lumes ao día. Na pasada década, a media anual situouse en 548, coa excepción das grandes vagas de 2006 e 2017, no que arderon 62.000 hectáreas. 

Moitos incendios orixinábanse a raíz das queimas agrarias."Tradicionalmente prendíase lume para obter pastos", aclara Ferreira. Porén, a orientación forestal do terreo gañou hectáreas co paso dos ano e hoxe o monte galego ocupa dous terzos do territorio da Galiza. En 2017, segundo datos da Consellaría de Medio Rural, o eucalipto estaba presente en  425.000 hectáreas, 180.000 máis das previstas na planificación da Xunta na década dos 90.

Tras a vaga de incendios de 2017, a comisión parlamentaria para o estudo das políticas forestais e de prevención dos incendios solicitou a elaboración dunha folla de ruta por un comité de expertos, entre os que se contaba Xabier Bruña."O conselleiro de Medio Rural asegura que se guía polo ditame do Parlamento e mais polo noso traballo, mais en realidade fíxase no que lle interesa", lamenta Bruña.

Unha das decisións que tomou José González tras a vaga de 2017 foi modificar a estrutura orgánica da consellaría, dividindo as áreas de xestión forestal e defensa do monte. Aquela escisión non supuxo a destitución, reclamada pola oposición, do até entón director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, que permaneceu á fronte da segunda área.

Coa excepción do bipartito, desde 1996 Couto dirixe a política forestal galega. A que criticou duramente o Consello de Contas nun informe de 2013, no que salientou que as "accións  preventivas  e  de defensa  contra  os  incendios  forestais absorben  unha  contía  insignificativa  de  recursos  públicos".

A cadea de factores que explican os cambios no territorio e a maneira en que este arde é longa e abrangue desde o cambio climático até a planificación do territorio, pasando polas dificultades que afronta o sector primario, a falta dunha industria local de transformación do producido, o monocultivo de eucalipto e piñeiro, unha estrutura de propiedade fragmentada ou os conflitos veciñais.

Fronte as múltiples e fondas raíces da problemática dos incendios, o propio persoal que os combate asegura que a Xunta continúa a focalizar a maior parte dos esforzos na punta do iceberg e nas temporadas de maior risco

As raíces das lapas

Na súa tese de doutoramento, Bruña centrouse na necesidade da participación social para a planificación do territorio. "Non o podemos entender de maneira illada, debemos afrontar a súa xestión de forma transversal e non con parcelas nas que cada quen fai a súa parte", asegura.

A doutora en Economía Aplicada e especialista en desenvolvemento rural, María do Mar Pérez Fra, explica que esa problemática esténdese ás políticas que rexen o solo e as propiedades privadas. "Na Galiza oriental o número de titulares da terra multiplica por dous, tres e até seis veces nalgún concello o seu número de habitantes. A decisión de uso dese territorio non depende de quen o habita, que moitas veces ten que asumir as consecuencias negativas do abandono das propiedades", di.

A decisión de uso dese territorio non depende de quen o habita, expón Pérez Fra

O Banco de Terras foi a solución achegada polo consellaría de Medio Rural do BNG no Goberno bipartido. "Non era nin moito menos revolucionaria, hai Estados como Francia que protexen as terras de cultivo con políticas similares", explica Pérez Fra. Durante a campaña de 2009, nalgúns mitins do PP repartíronse panfletos que alertaban contra esta proposta, asegurando aos propietarios que o Bipartito quería expropiar as súas terra e, tras a vitoria de Alberto Núñez Feixoo, a ferramenta ficou en desuso.