Primeiro día dun inverno que incluirá unha eclipse total de Lúa
Este sábado, ás 10.21 horas, comezou un inverno que terá o seu fenómeno astronómico máis relevante o 14 de marzo cunha eclipse total de Lúa, co seu máximo ás 8 horas da mañá.
Con isto, finaliza outro outono chuvioso na comarca compostelá, semellante ao do ano anterior, no que a cantidade total de precipitacións recollida no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC nestes últimos tres meses foi de 771,5 litros por metro cadrado.
Por tanto, unha cantidade da orde dos 800 litros por metros cadrados do outono do pasado ano, explicou o coordinador científico do Observatorio, José Ángel Docobo.
A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración: 88,99 días, fronte aos 89,86 do outono, 92,74 da primavera e os 93,65 do verán.
O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese momento a mínima declinación solar, que ten como consecuencia que haxa o día máis curto do ano cunha duración e pouco máis de nove horas.
As tardes comezaron a crecer desde o pasado día 7 de decembro, mentres que as mañás seguirán minguando até o día de Reis.
Observacións astronómicas
Na noite do 3 ao 4 de xaneiro producirase o máximo de choiva de estrelas Cuadrántidas e, nese último día, ás 15 horas, tamén pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol.
Así mesmo, o 4 de xaneiro a Lúa vai ocultar o planeta Saturno, pero o fenómeno astronómico máis relevante deste inverno será a eclipse total de Lúa do 14 de marzo, que terá o seu máximo ás 8 horas da mañá.


