Por primeira vez este ano, baixan do millar o número de casos activos de Covid-19

Unha sanitaria revisa os resultados de probas PCR realizadas durante a segunda vaga. (Foto: Europa Press)

Galiza comeza o mes de outubro con 930 casos activos de Covid-19, após baixar por primeira vez no que vai de ano de mil infeccións, algo que non sucedía desde o 12 de agosto de 2020; cun lixeiro aumento dos novos contaxios a 40 -supoñen 18 máis que o día anterior- e un descenso dos pacientes hospitalizados até 48 -seis menos-. Pola súa banda, a taxa de positividade aumenta a un 1,9%.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta sexta feira con rexistros até as 18 horas da quinta, descenden a 12 as persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos -tres menos- e baixan a 36 as hospitalizadas noutras unidades de hospitalización -tres menos-, mentres que 882 pacientes permanecen en seguimento domiciliario.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en tres: Ourense, Vigo e Lugo; e mantense en tres: A Coruña e Cee, Santiago e Barbanza e Pontevedra e O Salnés; mentres que a de Ferrol segue como a única sen pacientes ingresados por este coronavirus.

En concreto, na área sanitaria de Ourense aínda que segue un paciente Covid en UCI, descenden a cinco os ingresados noutras unidades -dous menos-; na de Vigo queda un en críticos -un menos- e seguen tres noutras unidades; mentres que na de Lugo rexistra un crítico -un menos- e tres noutras unidades -dous menos-.

A área de Santiago e Barbanza conta con dous pacientes Covid en UCI -un menos- e oito noutras unidades -un máis-; mentres que a da Coruña e Cee segue con cinco en críticos e 14 noutras unidades; e a de Pontevedra e O Salnés, con dous e tres, respectivamente.

Menos de mil casos activos

Galiza afronta o inicio de outubro con menos de mil casos activos de Covid-19, ao descender a 930, que supoñen 76 menos que o día anterior, ao haber máis altas (115) que contaxios (40), ao que se engade un falecemento.

Por tanto, a Galiza baixa do milleiro de casos no que vai de ano, algo que non sucedía desde o 12 de agosto de 2020, cando se rexistraron 972 infeccións activas, que aumentaron a 1.095 ao día seguinte do exercicio pasado.

As infeccións activas descenderon nas sete áreas sanitarias, coa de Lugo á cabeza (-21), seguida de Vigo (-16), A Coruña e Cee (-12), Ourense (-11), Santiago e Barbanza (-10), Pontevedra e O Salnés (-4) e Ferrol (-2).

Desta maneira, con máis casos activos continúa a área da Coruña e Cee, con 209; seguida da de Vigo, con 198; Lugo, con 169; Ourense, con 150; Santiago e Barbanza, con 112; Pontevedra e O Salnés, con 69, e a de Ferrol segue á cola, con 23.

Máis contaxios

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 aumentan a 40 no conxunto da Galiza, que implican 18 máis que os 22 da xornada anterior; despois de arrincar a semana con 33, baixar a 29 a terza e aumentar a 40 a cuarta.

Nas últimas 24 horas, foron confirmados 41 positivos con probas diagnósticas de infección activa -algúns poden corresponder a casos xa existentes-, 18 máis que o día anterior, dos cales 11 corresponden á área da Coruña e Cee; nove, á de Vigo; outros nove, á de Lugo; cinco, á de Ourense; catro, á de Santiago e Barbanza; tres á de Pontevedra e O Salnés; e a de Ferrol non rexistrou ningún.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- aumentou a un 1,9%, mais segue por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria aumentan a 2.638, despois de notificar esta quinta feira a Consellaría de Sanidade unha nova vítima.