Faleceu en Povisa (Vigo)

Primeira morte con coronavirus na Galiza: unha muller de 92 anos

Dez días após a detección na Galiza do primeiro caso de infección por coronavirus, a Consellaría de Sanidade informa do primeiro falecemento por mor da pandemia.

A Consellaría de Sanidade informa do primeiro falecemento dunha persoa na Galiza con coronavirus, unha muller de 92 anos que se atopaba ingresada no hospital de Povisa, en Vigo.

Hai dez días que se detectaba por vez primeira o coronavirus en territorio galego. Segundo os datos da Xunta, que onte acordou declarar o estado de emerxencia sanitaria, as persoas infectadas ascenden a 112 na Galiza.

Nestes momentos, está reunido o Consello de Ministras e Ministros do Goberno estatal para aprobar as medidas que suporán o estado de alarma en que se atopa desde hoxe o conxunto do Estado español.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, ofreceu unha rolda de prensa que puido seguirse vía streaming para reclamar outras actuacións, como a blindaxe da Galiza, impedindo a saída e a entrada ao territorio. Nos últimos días, aumentaron as voces críticas coa chegada masiva de persoas procedentes de Madrid a vilas costeiras galegas. Mesmo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, fixo alusión no día de onte, sexta feira, ás visitantes que chegaron á Galiza esta semana fuxindo do coronavirus.