A primeira Marcha en defensa da Aguioncha pide a paralización dos plans eólicos na Limia

Parte da Marcha fixeron cima nos penedos da Aguioncha (Foto: Nós Diario).
O colectivo teme as consecuencias da instalación de grandes eólicos próximos a varias aldeas.

Este domingo partiu a primeira Marcha en defensa da Aguioncha, no municipio de Calvos de Randín, na comarca da Limia, desde a vella escola do lugar de Feás, “coas máquinas apenas a un quilómetro, para comezar co proxecto de polígono eólico de Lamas de Feás”.

Nesa mesma escola, hai uns meses, tivo lugar unha presentación a cargo da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova e do Sindicato Labrego Galego “para advertir dos perigos que se lle viñan enriba á aldea de Feás co proxecto de polígono eólico Lamas de Feás”.

A camiñada mobilizou un cento de persoas, a maioría veciñas e veciños de Feás e outros núcleos de Calvos de Randín, o Concello máis afectado polo proxecto, que tamén colle territorio dos Blancos e de Baltar. Acudiron ademais membros da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova desde Bande, Verea e Celanova, principalmente, así como desde outros concellos.

“Malia a calor, forte desde primeira hora, os primeiros camiñantes chegaron á Aguioncha contra as dez e media, e moitos decidiron subir até o alto dos penedos, desde onde se divisan os polígonos do Larouco, Cabeço Alto (en solo portugués mais lindeiros co Parque Natural do Xurés) e os do Vieiro”, explican desde a Plataforma Stop eólicos Xurés - Celanova.

“A veciñanza, apoiada polo plataforma, rexeita un proxecto de polígono eólico (P.E. Lamas de Feás) de sete aeroxeradores de 200 metros de altura e que poderían afectar severamente a mananciais, solos e patrimonio, ademais das afeccións á flora e á fauna”, denuncian.

Contra este proxecto rexistráronse “1.500 alegacións na primeira fase de exposición, que rematou en xuño, o que obrigou á promotora, Greenalia, a se presentar nunha asemblea veciñal na Casa da Cultura a finais de maio”.

Os técnicos de Greenalia, acompañados polo alcalde de Calvos, Aquilino Valencia (PSdeG), un avogado, Alfonso Grande, e un asesor da comunidades de montes, “non conseguiron despexar as dúbidas que expuxeron os veciños”, que preguntaron cuestión como “que vai pasar cos mananciais”, “como afectarán os movementos de terra as vivendas” ou “se se escoitarán ou non os aeroxeradores a menos de dous quilómetros de varias aldeas”.

Despois daquela charla en Feás houbo outra en Padroso. Ao tempo, “outras aldeas, como Lobás, Pintás ou Silvoso foron mudando a súa opinión cara unha oposición directa ao proxecto”, afirman desde a plataforma, que se laia de que o alcalde non o fixera.

“Aquilino Valencia dixo que estaría coa maioría e que o Concello de Calvos elaboraría alegacións tanto ao P.E. Lamas de Feás como á liña de alta tensión de 42 quilómetros que arrancaría na Aguioncha”, lembran desde Stop eólicos.