A primeira fase da Cidade de San Caetano sae a licitación por 24,5 millóns de euros

Antiga estación de autobuses de Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) recolle nesta segunda feira o anuncio previo da licitación da primeira fase das obras da Cidade de San Caetano, o novo edificio administrativo da Xunta que ocupará o a ubicación da antiga estación de autobuses de Santiago de Compostela.

Para esta primeira fase de execución, a Administración galega ten pensado destinar unha inversión de 24,5 millóns de euros.

A Consellaría de Infraestruturas detalla que a publicación deste anuncio facilitará a redución dos prazos legalmente estabelecidos para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en desenvolver as obras.

Unha vez remate o proceso de licitación, a empresa escollida contará cun prazo máximo de execución dos traballos de 18 meses.  

Incremento dos custos do proxecto

A Xunta leva anos a pular pola construción da Cidade de San Caetano. En 2016, levou a cabo licitación da redacción do proxecto, tras a que se deron a coñecer as previsións iniciais do custo que acarrearía o novo edificio administrativo.

Nun primeiro momento, a cantidade estimada para as obras alcanzaba os 20 millóns de euros, aínda que rapidamente elevou até os máis de 29,5 millóns de euros.

Desta cantidade prevista, 16,16 millóns de euros serían destinados á execución da primeira fase das obras. Coa licitación actual o sobrecusto da primeira fase suporía 8 millóns de euros, é dicir, un incremento de 50% con respecto á previsión inicial.

A intención do Goberno galego e favorecer a concentración de diferentes servizos administrativos que actualmente se atopan dispersos pola cidade de Santiago.