Mazaricos lembra Xosé Esperante na primeira edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira

Os fillos de Xosé Esperante, no acto (Foto: Concello de Mazaricos).

A conmemoración desta data recoñece o papel que moitos homes e mulleres desenvolveron ao longo da historia na defensa da propiedade comunitaria, dos montes veciñais en man común desde hai xeracións. 

Arredor de 80 persoas asistiron hoxe á celebración do primeiro Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal en Mazaricos.

O evento comezou cunha xornada na Casa de Cultura e rematou cunha ofrenda floral no monumento do monte veciñal de Eirón, que lembra o asasinato do veciño Xosé Esperante, ‘Che de Pedro’, a mans da Garda Civil en 1963 durante as mobilizacións a prol desta forma tradicional de propiedade. No acto estiveron presentes os seus fillos.

Nos actos interveu o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco e os fillos do veciño de Eirón Xosé Esperante, 'Che de Pedro'.

A conmemoración desta data recoñece o papel que moitos homes e mulleres desenvolveron ao longo da historia na defensa da propiedade comunitaria, dos montes veciñais en man común desde hai xeracións. 

Os actos foron organizados pola Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común e o Instituto Galego de Terras Comunitarias. Ao remate do acto plantáronse dous carballos como homenaxe.

Reivindicacións

O presidente da Orgaccmm, José Pereira, explicou a Nós Diario que será a primeira vez que se realice este acto "malia que xa se aprobara en 2014 na asemblea de Lugo". A iniciativa pretende "ter continuidade" e lembrar "a loita histórica da veciñanza comuneira que foi quen aguantou todas as vagas hostís e agresivas que levan 200 anos enriba nosa", sinala este comuneiro.