Primeira acción das ‘Brigadas Deseucaliptizadoras’

Persoas voluntarias en Froxán, nunha iniciativa anterior.

No monte comunal de Froxán, na zona da Barbanza. Machacar brotes de eucaliptos dun eucaliptal rozado ou retirar exemplares desta especie dunha braña-turbeira, entre as accións a desenvolver.

As ‘Brigadas deseucaliptizadoras’ lanzáronse públicamente este sábado, día 21. En Froxán, Lousame, actuou a primeira brigada, a da Barbanza, nunha xornada de traballo na que se desenvolven diversas acción e tarefas. O monte comunal de Froxán ten cen hectáreas, das que xa se libraron 20 de eucaliptos mos últimos anos.

 

Desde Verdegaia -que dan cobertura ás brigadas-informan que durante a maña, e nunha zona perto da aldea de Froxán, procederase a machacar manualmente brotes de eucalipto e plantar frondosas autóctonas sobre un eucaliptal que foi rozado mecanicamente pola comunidade. Após una pausa para o xantar e o convivio, os brigadistas desprazaranse para a parte alta do monte, onde procederán a retirar eucalipto e piñeiro de Monterrei dunha braña/turbeira que foi drenada nos anos 70.

 

As brigadas defínense a elas propias na súa web como “una iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza”. As Brigadas organízanse de xeito comarcal ou local, sumando grupos de persoas voluntarias baixo unha estratexia, metodoloxía e coordenación común. Cada intervención no territorio é rexistrada nun visor xeográfico que permite o seu seguemento público e cuantificación a longo prazo do impacto do proxecto.

 

Nunha entrevista con Sermos Galiza, Joam Evans Pin, da comunidade de Froxán, de onde saíu a idea para este proxecto, informaba da boa receptividade da iniciativa desde diferentes partes do país. Nesta altura, xa superan as 100 as persoas dispostas a ser brigadistas.