A Primaria colapsa en Vigo: o Sergas ordena ao persoal médico de 14 centros que só atenda urxencias e Covid

Cabeceira da manifestación polas rúas de Vigo en defensa da Atención Primaria, o pasado setembro (Foto: Nós Diario).
O persoal sanitario deberá "descitar" toda a actividade programada que sexa "demorábel", bloquear os ocos dispoñíbeis e atender só a consulta urxente e a relacionada coa Covid. A medida afecta, alén de seis centros de saúde vigueses, Cangas, A Guarda, Moaña, Oia, Ponteareas, O Porriño, O Rosal e Tomiño.

A evolución da pandemia da Covid-19 e a incidencia disparada na área sanitaria de Vigo, que ameaza con colapsar por completo a Atención Primaria, levou o Sergas a restrinxir a actividade en varios centros de saúde, cuxos facultativos só atenderán urxencias e casos da Covid.

Así se recolle nunha instrución da Dirección de Atención Primaria de Vigo, na que se xustifican as medidas ante o "crecemento explosivo do número de contaxios da Covid" e a previsión de que este se manteña, e para axudarlles aos profesionais dos centros de saúde a "soportar" a situación.

En consecuencia, adoptáronse unha serie de medidas ante o "déficit de persoal facultativo" que sofren varias unidades de Atención Primaria desta área.

Estas medidas, que atinxen só ao persoal médico, consisten en "descitar" toda a actividade programada que sexa "demorábel", bloquear todos os ocos dispoñíbeis nas axendas de citación e traballar unicamente "a demanda", atendendo soamente a consulta urxente e a relacionada con Covid".

Ditas medidas (que están en vigor até o 10 de xaneiro, momento en que se reevaluará a situación) non se aplicarán en todos os centros de saúde, senón naqueles que presentan un déficit de médicos do 50 % ou máis.

Fontes sanitarias sinalaron que algúns centros contan con só un terzo do persoal facultativo, e lembraron que esta situación se debe a que hai moitos profesionais de baixa, e outros de vacacións ou días libres.

A restrición de actividade afecta as unidades de Primaria do Rosal, A Guarda, Oia, Cangas (na quenda de tarde), Moaña (na quenda de tarde), Ponteareas, O Porriño, Tomiño, e os centros de Vigo de Navia, Nicolás Pena, Beiramar, Casco Vello, Matamá e Teis (na quenda de tarde).