Galiza está na cola do Estado en vivenda protexida rematada: só 12 en 2017

É apenas 0,2% do total do territorio estatal. En Galiza hai 12.000 demandantes de vivenda social.

A construción de vivenda social en Galiza está en mínimos. En 2017 houbo en Galiza 12  vivendas protexidas rematadas, a cifra máis baixa entre todas as comunidades do Estado español. A anos luz da vivenda social en Madrid e Barcelona, mais tamén de territorios con menos poboación ca nós, como Euskadi, Aragón, Asturies, Estremadura ou Castela-A Mancha.

 

Ent todo o Estado español  entregáronse en 2017 as chaves de 4.938 pisos sociais, segundo publica El País con dados do Ministerio de Fomento. Só 12 en Galiza, o que supón apenas 0,2% do total. En Estremadura (1.600.000 habitantes menos que en Galiza) foron 216. En Nafarroa –a que cuadriplicamos en poboación- foron 192, o que supón 180 vivendas protexidas máis.

 

En Galiza hai case 12.000 persoas demandantes de vivenda protexida. Son as inscritas no Rexistro único de vivenda o pasado mes de maio. A maior parte deles nas provincias de Pontevedra (5.454) e A Coruña (4.536), mais tamén en Lugo (1.344) e Ourense (500).

 

Alugueiro

 

A 8 euros o metro cadrado na Coruña, a 9 en Vigo ou a 6,5 euros metro cadrado en Santiago de Compostela ou Lugo, a ver quen pode permitirse alugar unha vivenda nas cidades do país. Porque estes son dados fornecidos polo propio sector sobre o prezo medio de arrendamento por metro cadrado nalgúns dos concellos de Galiza con máis demanda. Se miramos cara ás ‘xoias’ da costa, como Sanxenxo (12 euros metro cadrado), Nigrán (9 euros) ou Foz (máis de 6 euros), vemos que o mercado do alugueiro na Galiza estase a poñer imposíbel para boa parte das familias galegas.

 

Non poucos dados abondan nesa liña: os prezos de alugueiro chegaron a repuntar até 20% nas sete principais cidades do país, en zonas céntricas de Vigo en apenas dous anos aumentou en 40%, na Coruña o metro cadrado para arrendamento incrementou por riba de 5% en poucos meses e segue a subir... Que alugar unha vivenda sexa misión imposíbel ou prohibitiva non deixa de sorprender nun mercado, o galego, onde a opción maioritaria foi sempre mercar e a escolla de arrendar, minoritaria, podía facerse a uns prezos accesíbeis.