O prezo da vivenda aumenta 11% e as compravendas caen 9,8% en setembro

Vivendas unifamiliares. (Foto: Europa Press)
Os préstamos hipotecarios concedidos descenderon un total de 20,5%

O prezo da vivenda na Galiza incrementou 11% na taxa interanual –en setembro deste ano en relación do mesmo mes do ano pasado–, o que supuxo o maior aumento de todas as comunidades, segundo un informe do Colexio de Notarios.

Mentres, as compravendas caeron 9,8% e a concesión de préstamos hipotecarios un 20,5%. No conxunto do Estado español, as compravendas reducíronse un 14,9% interanual, e os préstamos, un 22,6%.

Segundo datos do Centro de Información Estatística do Notariado (CIEN), en setembro efectuáronse na Galiza 2.057 compravendas. Segundo o tipo de vivenda, 1.511 delas foron pisos (un 3,3% menos que o ano anterior), e 546, unifamiliares, un 24% menos que un ano antes. 

Aumentan os prezos

A compravenda de vivenda só medrou en dúas comunidades: Castela-A Mancha (8,4%) e Cantabria (6,3%). Entre as 15 que rexistraron caídas, está a Galiza (-9,8%), onde tamén aumentou o prezo un 11,2%.

Por outra parte, en setembro, os préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda decreceron en 16 das 17 comunidades, cun descenso medio estatal do 22,6%. Na Galiza, a caída na concesión de hipotecas foi do 20,5% respecto do mesmo mes de 2022. 

Realizáronse 714 operacións por unha cantidade media de 112.216 euros (un 4,5% menos que o mesmo mes de setembro do ano anterior), o que indica que só un 34,7% das compras de vivendas financiouse mediante hipoteca, fronte a un promedio estatal do 41,7%.

Ademais, nestas compras fon financiamento, a cantidade do préstamo supuxo na Galiza unha media do 72,3% do prezo total do inmóbel, fronte ao 70,5% de promedio no Estado.