"Os prexuízos de xénero levan a xulgar, en vez do delito, a conduta da vítima"

IMG_20200218_120414

Non valorar de forma obxectiva o testemuño dunha muller que tardou en denunciar, negar unha agresión sexual porque non houbo unha negativa rotunda... Son algúns dos "prexuízos nocivos" que debulla o libro O axuizamento de xénero, que presentou o maxistrado José Fernando Lousada Arochena.

A que se refire cando fala do "axuizamento de xénero", o título do seu libro?

Sabemos o que é un axuizamento: coller uns feitos e, sobre a base deses feitos, valorar a proba e aplicar o dereito. Mais cando introducimos un prexuízo de xénero, altérase todo o proceso. Vanse escoller uns feitos que non deberían ser relevantes, vanse pasar por alto outros que si son relevantes... E así, a valoración da proba farase de forma nesgada e non haberá unha recta aplicación do dereito. O axuizamento de xénero non é só unha metodoloxía de aplicación e interpretación de normas xurídicas para unha maior igualdade efectiva entre os sexos; é un instrumento necesario para conseguir a imparcialidade en todas as decisións xudiciais. 

A que prexuízos se refire?

Se o xénero son as diferenzas sociais e culturais asociadas ao sexo das persoas, esas diferenzas asúmense de forma cultural e social. É dicir, que os homes deban ser dunha maneira e as mulleres, doutra. Moitos destes prexuízos son nocivos. Pensar que as mulleres non son boas para as ciencias ao final determina que as mulleres non cheguen ás carreiras e profesións de ciencias. Outros prexuízos non son aparentemente nocivos, pero na súa aplicación acaban dexenerando nunha consecuencia prexudicial.

Póñame un exemplo.

Pensar que as mulleres son boas coidadoras. Na aplicación práctica dese prexuízo elas acaban dedicándose ao fogar e os homes, ao traballo, á produción. Isto vese dunha forma moi intensa nos delitos sexuais.

Onde sitúa aí o prexuízo?

Foi moi soado o caso da "Manda" pero hai múltiples exemplos. O prexuízo está en que, en vez de investigarse o delito, investígase e axuízase a conduta da vítima. A base está nun sistema androcéntrico e patriarcal. Cando pensas en como debe actuar unha vítima tes xa un estereotipo segundo o cal, fronte a unha agresión ilexítima, esta ten que actuar de forma activa e defenderse, ou, se non pode, ten que denunciar de inmediato. Ese é o modelo de vítima que temos e é un modelo masculino, porque as mulleres non reaccionan da mesma maneira. Ao que se aspira é a que non se axuíce en base a un estereotipo no que a vítima ten que dicir que non, porque non é así. Terá que dicir que non, ou non dicir nada, ou mesmo igual ten que deixarse facer, dependendo da situación obxectiva na que se atope.

Que proposta formula para ir acabando con eses prexuízos no ámbito xudicial? 

Na cuestión da igualdade, moitas veces fálase da necesidade de  sensibilidade. Mais o que hai que ter é capacidade, e esta conséguese a través de capacitación, porque é imposíbel ter sensibilidade en algo que non se coñece. Unha vez que tes capacitación xa non é un tema de sensibilidade, senón de aplicar o dereito de maneira recta, obxectiva e imparcial. Poño como exemplo a distinción entre a agresión e o abuso sexual que se introduciu no Código Penal en 1995, que se constrúe sobre a base dunha determinada forma de comportamento. Sendo ambos delitos que se perpetran sen consentimento da vítima, estipula que se te opós, se usas forza física, o delito é maior. Novamente estamos facendo un modelo, un prexuízo.

Como solventalo? Córrese o risco de caer no chamado “populismo punitivo”. 

Esa é unha formulación incorrecta. Hai que ampliar o arco punitivo, abrilo moito máis e escalonalo, e probabelmente eliminar esa distinción, mais a exacerbación das penas non é a solución. Sempre poño o exemplo dos países nórdicos, que pasan por ter máis violacións, mentres que en lugares como España estatísticamente hai menos. Pero é que alí, un coito no que non se presta consentimento para que sexa sen preservativo é considerado violación, aínda que as penas tamén van acordes ao caso. Recordemos o caso Assange. Entón, non se pode comparar porque a súa tipoloxía penal é distinta á nosa.

Falamos do ámbito penal. Os prexuízos están tamén no resto  das xurisdiccións?

Vese en todas, porque os prexuízos están na sociedade. Ás veces dise que a xudicatura é máis machista, pero é exactamente igual de machista, ou de androcéntrica ou de patriarcal, que o resto da sociedade. E o mesmo ocorre coa Policía e co resto de corpos do Estado. Os prexuízos están en todas as partes, témolos asimilados. E a perspectiva de xénero pasa por buscar maior obxectividade, maior racionalidade, polo que é necesaria non só na Xustiza, senón en todos os ámbitos. Se o que civilización occidental ven buscando desde hai tres séculos é ser cada vez máis racional, isto é un avance, porque a racionalidade ten que comprender tamén as mulleres.

No camiño da capacitación

Lousada Arochena é maxistrado da sala do social do Tribunal Superior de Xustiza e é tamén relator en congresos internacionais e estatais sobre Dereito Social, Constitucional e Comunitario. Como relata, O axuizamento de xénero xorde, en boa medida, dos cursos do Consello Xeral do Poder Xudicial para a mellora da formación en materia de igualdade cos que colabora, entre eles, os pautados no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. No último, sobre perspectiva de xénero, do que el é codirector, salienta que se matricularon 1.600 das 5.000 profesionais da carreira xudicial. "Hai preocupación por parte do Consello por mellorar e boa receptividade por parte das e dos xuíces", di.