Prevención e vixilancia contra o coronavirus

Claudio Furlan (Europa Press)
O aumento do número de casos de coronavirus no Estado non redunda nun incremento do risco. Sanidade recomenda facer vida normal e chamar ao 061 ou ao 112 ante calquera sospeita. 

Os esforzos das profesionais da Saúde Pública por conter o avance do novo coronavirus SARS-CoV-2 coinciden no tempo e en intensidade co afán dos servizos asistenciais da Sanidade Pública por rebaixar o nivel de alarma ante unha enfermidade respiratoria cunha taxa de recuperación moi alta e baixa letalidade.

Confírmano os datos facilitados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), recollidos a diario polo Ministerio de Sanidade co fin de facilitar o seguimento do coronavirus,  o impacto da enfermidade que provoca, o COVID-19, e a súa evolución.

Desde o inicio do brote, o 31 de decembro de 2019 en Wuhan, na provincia chinesa de Hubei, rexistráronse 80.993 casos confirmados en todo o mundo, 2.929 fóra da China. En total, faleceron 2.761 persoas, 44 fóra do país asiático. A letalidade, din as autoridades, é de 3% na China e de 0,7% no resto do mundo; unhas porcentaxes que non pasan desapercibidas para a comunidade médica.

Chamada á tranquilidade

 "A incidencia de mortalidade do coronavirus, a día de hoxe, é máis baixa que a da gripe estacional", explica a Nós Diario María Armas, médica do Servizo Galego de Saúde (Sergas) nun Punto de Atención Continuada na comarca do Salnés, quen recalca que a situación, dentro do sistema sanitario "é de tranquilidade". "Estamos en estado de prevención pero non de alarma, pendentes da evolución dos casos detectados noutros territorios e sempre vixilantes, facendo fincapé nas recomendacións habituais que xa lles trasladamos ás doentes ante calquera cadro respiratorio: lavado frecuente de mans, evitar o contaxio e o contacto directo coas secrecións respiratorias", destaca Armas.

"Estamos en estado de prevención pero non de alarma".

As traballadoras da sanidade pública manexan desde o inicio da alerta o protocolo de actuación consensuado polo Ministerio de Sanidade e as consellarías do ramo dos diferentes territorios. O documento de referencia foi actualizado nas últimas horas coas recomendacións da comunidade experta en Saúde Pública e do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio, ante a detección de novos casos de coronavirus no Estado español e o aumento do nivel de risco local, de baixo a moderado, nas áreas concretas onde se diagnosticaron.

Con todo, insistiu o director do Centro de Alertas Sanitarias, Fernando Simón, "non é necesario que a poboación use máscaras se non ten síntomas".

Control adaptado para garantir a contención 

Desde o Sergas aseguran que o reforzo das medidas de prevención responde á necesidade de mellorar os protocolos de seguimento co fin de evitar pasar da fase inicial, de contención do coronavirus, a unha superior, de mitigación. Son, din, protocolos adaptados á estrutura asistencial do territorio onde se recollen os criterios que deben servir de guía ás facultativas para a vixilancia, o control e a avaliación das pacientes na Galiza.

"Este episodio de alerta coincide coa campaña da gripe, polo tanto é habitual a afluencia de persoas con infeccións respiratorias. Ante casos así seguimos o procedemento de actuación acordado, que nos axuda a descubrir posíbeis casos en investigación", é dicir, aqueles que cumpren algún dos criterios sinalados polas autoridades sanitarias.

"A nós", aclara a facultativa, "correspóndenos descartar que esas usuarias cun cadro vírico sospeitoso estivesen ben nun país estranxeiro, nomeadamente en áreas con evidencia de transmisión comunitaria, ben en contacto con persoas sospeitosas de padecer unha infección respiratoria distinta da gripe común", detalla María Armas, afeita a comprobar este segundo suposto coas súas pacientes tamén co obxectivo de detectar posíbeis casos de gripe A.

A información completa pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na lectura na nube do diario.