Xustiza

'Prestige': a aseguradora do buque libraríase de pagar polos danos ocasionados

A aseguradora do buque sinistrado en 2002 quedaría libre de pagar polos danos ocasionados. (Foto Europa Press)
O avogado da UE Michael Collins sinala que debe prevalecer a lei británica sobre a española, polo que a compañía aseguradora do 'Prestige' non tería que desembolsar os 855 millóns de euros que reclamaba unha sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña.

Un Avogado Xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, Michael Collins, considerou esta quinta feira que debe prevalecer a lei británica sobre a xurisdición española no caso que enfronta o Estado español coa aseguradora do Prestige, London P&I Club, o que na práctica suporía resolver o litixio cunha arbitraxe en Reino Unido ou Gales en base a salvagarda que liberarían a compañía de asumir o pago de compensacións.

As conclusións do Avogado Xeral non son vinculantes para o Tribunal de Xustiza da UE, malia que as sentenzas ditadas coinciden na meirande parte dos casos coa liña marcada por estes ditames. A cuestión perante o Tribunal de Xustiza da UE refírese ao conflito entre as sentenzas e non á validez ou non de ningunha delas.

Collins concluíu que o laudo arbitral ditado en 2013 no Reino Unido pode aplicarse para non recoñecer a sentenza ditada no Estado español, que obrigaba a aseguradora a desembolsar de 855 millóns de euros, xa que debía aplicarse ao contrato o dereito inglés.

No seu ditame, Collins indicou que o laudo arbitral debe considerarse unha "sentenza relevante" que fai que non se poida aplicar no Reino Unido a sentenza ditada noutro país e engade que o Estado español "debeu iniciar un procedemento de arbitraxe en Londres para reclamar o pago" a London P&I Club.

Aliás, Collins subliñou que España non podía apelar aos dereitos contractuais dos propietarios do buque sen cumprir a cláusula 'pay to be paid' incluída no contrato pola que a aseguradora só estaría obrigada a pagar a indemnización de 855 millóns de euros se foron abonados previamente polos propietarios da embarcación á aseguradora.

"Ao non efectuarse o pago previo por parte dos propietarios do buque da responsabilidade asegurada, o Club non era responsábel fronte ao Estado español", sinalou Collins, que considerou que "a responsabilidade do Club non excedía de 1.000 millóns de dólares estadounidenses".

O 16 de xaneiro de 2012, London P&I Club iniciou un procedemento no que solicitaba que se obrigase o Estado a presentar o seu recurso perante o Dereito inglés, dado que a demanda era contractual e respondía ás normas inglesas de conflito de leis.

A causa xudicial do Prestige

O caso parte do naufraxio do petroleiro Prestige, en novembro de 2002, fronte ás costas galegas cando transportaba 70.000 toneladas de fuelóleo, que se derramaron e causaron importantes danos no litoral.

Neste marco, iniciouse unha disputa xudicial entre a aseguradora do buque, London P&I Club, e o Estado español, exposta en dous procesos diferentes en dous estados membro —daquela o Reino Unido aínda non abandonara a UE—. Os devanditos procesos deron lugar a dúas resolucións xudiciais: unha ditada pola Audiencia Provincial da Coruña e outra polo Tribunal Superior de Xustiza de Inglaterra e Gales.

O Estado español solicitou o recoñecemento da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña polos órganos xurisdiccionais de Inglaterra e Gales, cuestión á que o Tribunal Superior de Xustiza de Reino Unido accedeu en maio de 2019 e ante a que London P&I Club presentou recurso de apelación, polo que agora se expón a cuestión prexudicial ao Alto Tribunal europeo.