A presión sobre as UCI non mingua

Unha sanitaria onte na UCI (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Once novos ingresos elevan a cifra de pacientes nas unidades de coidados intensivos a 253, moi por riba daqueles 177 que marcaran o pico da primeira vaga.

(En ampliación)

A presión sobre as UCI non mingua. Hai agora 253 pacientes de Covid ingresados nas unidades de coidados intensivos dos hospitais galegos, 11 máis que na xornada de onte e son xa 83 máis que hai unha semana. Un aumento de 50% en 7 días.

As persoas ingresadas na UCI superan amplamente as que o estaban no ‘pico’ de ingresos en coidados intensivos durante a primeira onda da pandemia, e que foi un 4 de abril, con 177 persoas en coidados intensivos.

En canto aos ingresados en planta hai hoxe 1.1861, un ‘alivio’ con descenso de 24 persoas a respecto de onte, cando había 1.210.

Segundo os dados da Consellaría de Sanidade, hai 22.522 casos activos, o que é 102 máis ca onte. Aumentan, si, mais a un ritmo moito máis lento que o que era normal nestas semanas.

O que si volve rexistrar unha repunta son os contaxios rexistrados, que nesta última xornada foron 1.001, superando de novo a barreira dos mil. A taxa de positividade volve subir e sitúase en 9%. Máis baixa que as da semana pasada pero maior que a desta segunda feira.

A incidencia acumulada a 14 días é de 764 na Galiza. Segue a baixar mais aínda está en parámetros altos, nomeadamente en cidades como Ourense ou a Coruña, onde pasan dos 900 casos.