Entrevistamos Iago Lestegás

"A presión turística en Santiago é moi forte"

[Imaxe: Felipe Sougon] Iago Lestegás

Colaborador do Grupo de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela, Iago Lestegás (Lugo, 1987) vén de ser recoñecido co premio ao Mellor Mozo Investigador na reunión anual da Comisión de Xeografía Urbana da Unión de Xeógrafos Internacional polo artigo Lisbon's historic center: a real estate enclave in the periphery of the Eurozone, que tamén ten a ver coa tese de doutoramento que presentou en xuño na Universidade Mediterránea de Reggio Calabria (Italia) e que contou coa titoría, entre outros, do catedrático Rubén Lois. Conversamos co investigador premiado, que tamén viviu dous anos Buenos Aires –onde fixo o proxecto fin de carreira– e un en Boston –a raíz dunha bolsa da citada universidade italiana–, sobre turismo, vivenda e urbanismo. Entrevistámolo no Sermos Galiza 261. Eis un extracto.

No artigo advirtes do impacto do turismo de masas no proceso de transformación do centro histórico de Lisboa. A que conclusións chegas?

 

A miña investigación non é sobre turismo, senón sobre a transformación urbana do centro histórico de Lisboa e para facela tiven que estudar o turismo, porque é un dos factores en xogo. Aínda que non era sobre turismo, o turismo acabou sendo un factor clave na investigación. O centro histórico de Lisboa está experimentando unha transformación moi importante e moi rápida, unha “rehabilitación urbana”, e dígoo entre aspas porque ten moitos matices. Un dos factores, como dicía, é o turismo masivo. A partir de 2013, hai un boom turístico en Lisboa, púxose de moda como destino de turismo urbano e aumentou moito o número de visitantes. Esa é unha das forzas que motivan a transformación do centro histórico, pero tamén está o factor do aumento do investimento inmobiliario estranxeiro. Hai moito investimento na rehabilitación de edificios –que era algo necesario, porque estaba moi abandonado, cun 20 ou 30% dos pisos baleiros– pero non se destina a uso residencial, senón a uso turístico ou como segunda vivenda. Este investimento non atrae residentes, senón outro tipo de usos.

 

O terceiro factor é un marco fiscal e legal moi favorecedor ao investimento estranxeiro, impulsado polos gobernos de Sócrates e Passos Coelho. Un dos programas é o dos visados de ouro, que ofrecen o permiso de residencia en Portugal a investidores non europeos; outro programa ofrece unha taxa impositiva sobre a renda plana para europeos que fixen a súa residencia aí, traballadores cualificados, e iso fai que moitos franceses merquen piso en Lisboa e aforren moito en impostos e, ademais, desde 2013, os xubilados europeos (non portugueses) que fixen a súa residencia en Portugal non pagan impostos sobre a súa pensión. E o cuarto factor son a crise e a austeridade, a combinación de ambas reduciu o poder adquisitivo dos portugueses e por tanto os promotores enfocaron o mercado cara á demanda estranxeira.

 

Cos límites de comparanza que poida haber co caso de Lisboa, como está afectando o turismo na Galiza neste sentido, en cidades como Compostela?

 

O caso de Santiago non o estudei a nivel académico, pero para calquera que viva en Santiago [é veciño do casco histórico] é evidente que o fluxo turístico é cada vez maior; ten un impacto moi importante sobre o espazo público; é moi concentrado nun territorio moi pequeno e é bastante concentrado nuns meses do ano, moi estacional, vai de Semana Santa a outubro, aproximadamente. Isto fai que a presión turística sexa moi forte, sobre todo en certas rúas, como en San Pedro ou na de Carretas. Son consciente de que para a xente que vive aí a calidade de vida se viu afectada. Sobre o espazo público hai unha presión excesiva, e tamén sobre o comercio, na zona vella está virado ao turismo, o que fai máis difícil vivir alí. Sobre a cuestión da vivenda, o que conseguiu mitigar o impacto do turismo, que creo que foi unha medida moi positiva, aínda que poida ser insuficiente, é a moratoria de novos estabelecementos hoteleiros por dous anos. A combinación desta medida coa obriga de rexistrar os pisos turísticos a raíz dun decreto da Xunta fai que non estean aparecendo novos apartamentos turísticos. Haberá que ver que facer cunha medida máis estrutural para fomentar o uso residencial da vivenda, que é o que teñen que facer as institucións.o fundamental.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 261, á venda na loxa e nos quiosques habituais]