O presidente de Ferroatlántica, en liberdade baixo fianza de 100.000 euros

A fiscalía pedía imporlle unha fianza de 1 millón de euros, cantidade que foi substancialmente reducida polo xuíz que instrúe a causa, o maxistrado da Audiencia Nacional Eloy Velasco.

O home que quer vender as centrais hidroeléctricas de Ferroatlántica na Costa da Morte -e que para iso negocia con Monte Pío- xa está na rúa após pasar a sexta feira nos calabozos. O xuíz decretou para el prisión eludíbel baixo unha fianza de 100.000 euros, sen atender o criterio da Fiscalía, que demandaba a imposición dunha suma dez veces maior.

O que está a investigar o xuíz é o pretenso pagamento dunha comisión por parte de López Madrid na súa condición de conselleiro da construtora OHL ao daquela presidente da comunidade autónoma de Madrid, Ignacio González, tamén detido no marco da coñecida como Operación Lezo.

O pagamento tería ascendido a 1,4 millóns de euros e tería sido realizado desde unha filial de OHL en Suíza. O obxectivo da trama corrupta tería sido conseguir un contrato público, a construción do ferrocarril entre as localidades madrileñas de Navalcarnero e Móstoles.

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil rexistou na noite da quinta feira a sede madrileña de OHL na procura de información que puidese estabelecer vínculos entre os contratos adxudicados a esta empresa de forma irregular cun presunto desvío de fondos ao Partido Popular en xeral e ás arcas privadas do ex presidente da comunidade autónoma, Ignacio González, en particular.