López Madrid, implicado nunha rede de financiación irregular do PP

Detido por corrupción o executivo que persegue a venda das centrais de Ferroatlántica

Javier López Madrid, presidente de Ferroglobe [Foto: Efe]

Javier López Madrid non é un novato nas historias de corrupción. Xenro dun dos maiores oligarcas do Estado -Villar Mir-, dispuxo no seu momento de acceso aos cartóns black na súa calidade de conselleiro de Bankia e é íntimo da familia real, até o punto de Letizia se ter referido a el familiarmente como "compiyogui". Acaba de ser detido no curso da Operación Lezo. Como presidente de Ferroglobe, impulsaba a venda das centrais hidroeléctricas do grupo na Costa da Morte.

Javier López Madrid (Madrid, 1964) foi detido na noite da quinta feira por efectivos da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil no marco da chamada Operación Lezo, unha acción policial que se desprega arredor do presunto desfalco de fundos públicos no Canal de Isabel II de Madrid.

Segundo as pesquisas realizadas polo xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco, López Madrid tería pago comisións ao ex presidente da comunidade autónoma de Madrid, Ignacio González, tamén arrestado, pola adxudicación dunha obra.

En concreto, González tería recibido 1,4 millóns de euros dunha conta en Suíza de OHL México, empresa da que López Madrid tamén é conselleiro e que -segundo o declarado por Francisco Correa, chefe da Gürtel- financiaba o PP a cambio de concesións de obras públicas.

Mais na cena galega López Madrid é sobre todo o presidente de Ferrogloble, o xigante que se conformou a partir da fusión de Ferroatlántica e a empresa norteamericana Globe Speciality Metals e do que é presidente desde xaneiro de 2017.

É o Grupo Villar Mir, liderado polo sogro de López Madrid, quen controla o holding con 57 por cento das accións, mentres que os parceiros norteamericanos deteñen 43 por cento restante.

Ao fronte de Ferroglobe, López Madrid impulsa o proxecto de venda das centrais hidroeléctricas que Ferroatlántica xestiona nos ríos Xallas e Grande, vinculadas por unha concesión da Xunta coas fábricas de ferroaleacións de Dumbría e Cee. A representación das e dos traballadores na costa da morte alega que as fábricas deixarían de ser competitivas se se venden as centrais, mais Ferroglobe quer facer caixa para en teoría financiar un proxecto no polígono de Sabón, a construción dunha planta para a produción de silicio solar.

A chave do asunto pasa por Monte Pío. E aquí é onde temos unha curiosa implicación política. É a Xunta quen debe autorizar -como demanda López Madrid- ou bloquear -como piden as e os traballadores de Ferroatlántica na Costa da Morte- a venda das centrais. Pois ben, agora López Madrid está nun calabozo e a presión política sobre Feijóo para que non satisfaga os seus desexos vaise incrementar exponencialmente.

En todo caso, non é este o primeiro proceso xudicial que afronta o xenro de Villar Mir, que xa foi condenado no seu día a 6 meses de prisión (non entrou na cadea por carecer de antecedentes) por un delito continuado de apropiación indebida polo uso do cartón black en Bankia.