Mar

O presidente da Federación de Confrarías que criticou a "politización" da manifestación do domingo foi candidato do PP

José Manuel Rosas, primeiro pola esquerda, na comparececnia das Federacións. (Foto: Europa Press)

José Manuel Rosas, que foi portavoz do PP en Bueu até que dimitiu, tamén defende ENCE.

As críticas das Federacións de Confrarías galegas ante a mobilización do pasado domingo en defensa do sector do mar seguen a dar que falar. Os representantes das federacións afirmaron que a mobilización —que reuniu miles de persoas en Compostela, entre elas profesionais do mar como mariscadoras, mariñeiros ou mexilloeiros— prexudicaba o sectordo mar e que estaba “politizada”.

Esta última acusación partiu do presidente da Federación pontevedresa e patrón maior da Confraría de Bueu, José Manuel Rosas. Usuarios e usuarias das redes sociais sacaron a relucir o pasado de Rosas como candidato do Partido Popular en Bueu e portavoz desta formación nese Concello até que presentou a súa dimisión.

"A TVG oculta que o Presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra que fai críticas á manifestación do 21 en Santiago en Defensa do Sector do Mar foi candidato do PP á alcaldía de Bueu", sinalaba Rogelio Santos, mariñeiro e presidente da Plataforma en defensa da ría de Muros-Noia.

En 2021 Rosas tamén estivera no albo da polémica cando, nun programa de La sexta, afirmou a respecto de ENCE que “como pescador para min non é ningunha ameaza, todo o contrario", e sinalou que hai "que ver que ao redor desa biofábrica hai 5.000 familias que viven de que esa biofábrica funcione".

As críticas da Federación Galega de Confrarías a respecto da manifestación do domingo non sentaron ben en amplos sectores dos profesionais do mar. “A Federación non está a representarnos”, afirma a Nós Diario Santiago Cruz, patrón maior da Confraría de Noia, ría que é das máis afectadas pola perda de produtividade marisqueira. “Ten [a Federación] a obriga de defendernos e non o fai. Onde estiveron todos estes anos mentres morría o marisco e as rías continúan a soportar verteduras de todo tipo?”.

Miguel Iglesias, patrón maior de Rianxo, explica que estivo na manifestación para defender os intereses dos máis de medio milleiro de socios desta Confraría. “Hai motivos de sobra para manifestarse”, di a Nós Diario, “e ten que ser a Federación a que explique porqué non foi. Coa que nos está a caer ao sector do mar, deberían estar todos eles alí”.

Dolores Gómez, de Mulleres Salgadas -con 1.500 mulleres do sector do mar asociadas, de mariscadoras a bateeiras- tamén indica que, en vista da situación do mar na Galiza nos últimos anos, a Federación “debería de ter convocado algo xa hai tempo”. “O sector do mar leva tempo preocupado polo que está a pasar, polo declive que hain as rías e ninguén fixo nada”, lamenta en conversa con este medio.