Mar

A presenza de carabela portuguesa obriga a fechar ao baño dúas praias na Mariña

Exemplar de carabela portuguesa nunha praia galega. (Foto: Europa Press)
O incremento da temperatura da auga trouxo este verán exemplares deste tipo de medusa, moi rechamante, á Galiza.

A presenza de exemplares de carabela portuguesa obrigou este domingo a fechar ao baño dúas praias do municipio mariñao de Cervo, á vez que puxo en alerta outros puntos da comarca da Mariña. En concreto, desde o Concello de Cervo alertaban ao longo do domingo da aparición de exemplares desta medusa, cuxa picadura é moi dolorosa e pode xerar efectos graves, nas praias de Torno e Cubelas, onde se izou a bandeira vermella para prohibir o baño.

Ao longo desta fin de semana, exemplares desta especie tamén foron localizados na praia de Esteiro, en Ribadeo, e na Marosa, en Burela, onde o sábado ondeou a bandeira vermella. O incremento da temperatura da auga trouxo este verán exemplares deste tipo de medusa, moi rechamante, á Galiza.

En concreto, a comezos deste mes de agosto dábase a voz de alarma na zona de Vigo e O Grove pola aparición de carabela portuguesa. E o pasado verán apareceran tamén en municipios como Ferrol.

Que pasa se toco unha carabela portuguesa?

Se alguén entra en contacto con elas, é importante desprender os posíbeis fragmentos presentes sen tocalos e lavar ben a zona con auga de mar. Tamén cómpre evitar as areas, a auga doce ou substancias como o vinagre, amoníaco ou ouriños, xa que poden potenciar os efectos, e acudir a un centro sanitario para recibir asistencia.

Aínda que a carabela estea morta non se debe tocar, pois as súas toxinas teñen actividade até 48 horas despois e poden causar lesións igualmente.