Presentar o DNI poderá ser obrigatorio para votar por correo nas eleccións estatais

Oficina de Correos en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A Xunta Electoral propón esixir o DNI para emitir o voto por correo, como se fixo en Melilla o 28-M

A Xunta Electoral Central (XEC) propuxo esta cuarta feira ordenar que haxa que mostrar o DNI ou calquera outra identificación persoal autorizada para votar por correo nas eleccións estatais do 23 de xullo, unha medida que xa se adoptou en Melilla para as municipais do pasado domingo diante das sospeitas dunha posíbel fraude tras as denuncias de roubo de documentación electoral e a investigación aberta a respecto diso.

A lexislación obriga a identificarse co DNI á hora de solicitar o voto por correo, e tamén ao recibir as papeletas no domicilio indicado, pero xa non se considera necesario cando, días ou semanas despois, ese mesmo elector exerce o seu dereito e entrega o seu voto na oficina de Correos.

Porén, ante o caso de Melilla, onde as solicitudes do voto por correo se dispararon até case 20% do censo e houbo denuncias de subtracción da documentación electoral que se ía a enviar a electores, a Xunta Electoral da cidade autónoma decidiu exixir o DNI ao emitir o voto por correo.

Igualmente, XEC avalou a instrución e mesmo estendeu a esixencia desta medida extraordinaria a todas as oficinas de correos do resto do Estado español, aínda que só para votantes censados en Melilla.

Tamén o pediu Interior

A identificación do votante por correo tamén foi solicitada por algunhas das formacións que competían nos comicios en Melilla e tamén pola Dirección Xeral de Política Interior.

Nese contexto, e ante a previsión dun incremento do voto por correspondencia dada a decisión do socialista Pedro Sánchez de celebrar eleccións en período vacacional para unha parte da poboación, a Xunta Electoral Central está a estudar a posibilidade de xeneralizar a esixencia de presentar o DNI na oficina de Correos tamén para os comicios do 23 de xullo.