Muras revisará os informes e estudos que permiten reabrir a mina de feldespato

A maioría da veciñanza das parroquias afectadas oponse á reapertura da mina (Foto: SLG).
A aprobación da mina tería unha "severa afección aos recursos hídricos e ao val fluvial do río Landro", con afección "crítica" á "conectividade ecolóxica", advirten.

O pasado mes de decembro a Xunta daba o visto e prace á petición de explotación por parte de Urbas da mina de feldespato a ceo aberto de San Acisclo, na parroquia de Silán (Muras), parada desde 2008 e  que a propia empresa valora en 660 millóns de euros.

Unha autorización da Consellaría de Industria que puxo en pé de guerra a colectivos ecoloxistas e a veciñanza das parroquias de Silán e Viveiró, afectadas polo proxecto de retomar a explotación desta mina, que alertan do seu impacto ambiental, agrogandeiro e da súa afección á Rede natura e á Reserva da Biosfera Terras do Miño. 

Un pleno extraordinario decorreu na tarde desta segunda feira, a petición de veciños e veciñas de ambas as dúas parroquias, para tratar  a impugnación da autorización a esta explotación mineira. O alcalde, Manuel Requeixo (BNG),  explicou a Nós Diario que o Concello ía asumir o compromiso de "solicitar todos os informes e revisar todos os estudos e documentos" sobre a autorización do proxecto.

O rexedor nacionalista indicou que o Concello "escoita os veciños e veciñas e apóiaos", indicando que a maioría dos habitantes das parroquias afectadas pola explotación son contrarios á unha reapertura da mesma. O Goberno local de Muras está integrado por catro edís —tres do BNG e un do PSdeG— mentres que a oposición confórmana tres concelleiros e concelleiras do PP.

O pasado mes de xaneiro, Requeixo acusou a empresa Urbas de ofrecer "prezos irrisorios" a propietarios de terreos na zona de explotación da mina.

Recurso de reposición

A autorización da Consellaría de Industria para a mina San Acisclo motivou a reacción desde entidades e colectivos que se opoñen á reapertura desta mina de feldespato. 
O Sindicato Labrego Galego informaba esta segunda feira que presentaban un recurso de reposición fronte á autorización da Consellaría. "Reiteramos o cumio de irregularidades que arrodean a xestión administrativa desta solicitude e severa afección medioambiental", sinalaba, ao tempo que denunciaba que a Deputación de Lugo lles conformou que "non foi consultada sobre a afección da mina á Reserva da Biosfera Terras do Miño".

Para as diferentes entidades e colectivos que critican este proxecto mineiro, demandan a súa inmediata paralización e feche definitivo "en aras do cumprimento da actual normativa medioambiental".

A segunda na UE

A empresa defnde que o seu xacemento en Silán é a segunda explotación de feldespato de Europa e a primeira do Estado, cunhas reservas probadas de 12 millóns de toneladas.