A veciñanza de Silán rexeita a mina de feldespato en Muras

A autorización da Xunta da Galiza ao grupo madrileño Urbas para explotar unha mina de feldespato a ceo aberto en Silán, Muras (comarca da Terra Chá) atópase coa oposición veciñal. Residentes desta parroquia rexeitan o proxecto e reclaman ao Concello que recorra os permisos outorgados polo Goberno galego.
Juan Antonio Acedo, presidente do grupo madrileño Urbas. (Foto: BFuenlabrada)
photo_camera Juan Antonio Acedo, presidente do grupo madrileño Urbas. (Foto: BFuenlabrada)

O xacemento de feldespato de Silán, en Muras, pasa por ser o máis importante do Estado español e o segundo da Unión Europea. Neste sentido, o seu titular, o grupo madrileño Urbas aspira a extraer da mesma 12 millóns de toneladas do mineral, cuxo valor de mercado cifra en 660 millóns de euros.

Porén, a explotación desta mina pon en risco a actividade agraria na parroquia e ameaza un espazo integrado na reserva da biosfera Terras do Miño e na proposta de ampliación da Rede Natura elaborada polo Goberno galego en 2011 e, finalmente, non aprobada malia as presións nesa dirección da Comisión Europea.

Avaliación ambiental

A veciñanza de Silán denuncia que a Xunta da Galiza autorizou a explotación da mina sen requirir á empresa "o trámite previo de avaliación ambiental estratéxica". Neste sentido, nun escrito asinado pola práctica totalidade dos residentes na localidade e dirixido ao Concello de Muras, sinálase "que non se está retomando a actividade, senón que é un novo proxecto", e apunta "que non se pode considerar que o proxecto se atopa parcial ou totalmente executado sen someterse previamente ao procedemento de avaliación de impacto ambiental".

Mirta Arnejo, veciña de Silán, sinala en declaracións a Nós Diario que "as persoas que residimos aquí estamos todas contra a mina. É un problema porque se trata dunha explotación a ceo aberto, con voaduras, emprazada moi perto das casas e que pon en risco a actividade agraria. Aquí, todos os que non son xubilados vivimos da gandaría, a maioría temos o gando en extensivo e unha mina destas características compromete o futuro das nosas explotacións".

A maiores, esta veciña denuncia a actitude da empresa Urbas, que "non mantivo ningún contacto con nós desde que hai dous anos solicitou permisos para as prospeccións".

Belen Lamas é outra residente en Silán. Neste caso, explica a Nós Diario que "a mina vai alterar a nosa tranquilidade, xerando ruídos, provocando explosións para sacar o feldespato e utilizando unhas infraestruturas que non están preparadas para soportar a maquinaria que require o xacemento". Nesa orientación, afirma que "os máis prexudicados imos ser as veciñas e os veciños, por iso non queremos a mina, que antes de entrar en funcionamento xa está provocando unha gran preocupación entre todas e todos nós".    

Recorrer a licenza

Os veciños e as veciñas de Silán demandan un pleno extraordinario para que a corporación municipal amose o apoio ás súas reivindicacións acordando impugnar, "a través da vía dos recursos que procedan", a autorización outorgada pola Xunta da Galiza. Nesta dirección, explican que "o novo proxecto mineiro vai afectar seriamente ao benestar da veciñanza" e alertan "dos efectos contaminantes sobre o noso medio e sobre o desenvolvemento normal da nosa vida".

Comentarios