Presentan máis de 2.500 alegacións contra o parque eólico Legre, que afecta Oza-Cesuras e Mesía

Mobilización da veciñanza afectada. (Foto: A-Legre)
"As explotacións agrarias que pretenden sacrificar crean máis empregos que 20 parques eólicos coma este", defende a asociación A-Legre.

A asociación veciñal A-Legre vén de informar da recollida de máis de 2.500 sinaturas, á espera dun reconto máis exhaustivo, para presentar alegacións contra o parque eólico Legre, que afecta os concellos de Oza-Cesuras e Mesía e cuxo prazo para oporse remataba nesta quinta feira.

O colectivo considera un "éxito rotundo" esta cifra, e salienta que gran parte das sinaturas "foron recollidas nas aldeas situadas dentro da poligonal [do parque eólico], e sobre todo naquelas aldeas afectadas polas súas infraestruturas".

A "preocupación e indignación" a respecto deste proxecto que impulsa a compañía enerxética Green Capital Power é unha cuestión "xeneralizada" entre a veciñanza destes lugares, aseguran.

"As explotacións agrarias que pretenden sacrificar crean máis empregos que 20 parques eólicos coma este", alegan

Tanto é así que, afirman, as corenta explotacións agrarias da zona "que pretenden sacrificar" asinaron unha alegación grupal manifestando a súa rotunda oposición ao proxecto eólico. Estas 40 explotacións, indican, "crean máis postos de traballo directos que 20 parques eólicos coma este, e un maior número de postos indirectos en toda a cadea de subministradores de produtos agrarios".

En consecuencia, subliñan que, no caso de fechar estas explotacións, "todo se converterá en combustíbel para os incendios, e o que ía ser unha transición ecolóxica converterase en devastación".

"Sabemos que as campañas de imaxe dos lobbies das grandes eléctricas e eólicas van dirixidas ás grandes cidades, onde pretenden lavar a súa imaxe falseando a realidade. Nós convidamos calquera persoa que viva na Coruña ou calquera outra urbe a visitar a parroquia de Borrifáns. Así poderemos desmontar a 'gran mentira'", engaden, a través dun comunicado.

Desde A-Legre aseguran acreditar "na enerxía eólica, mais así non". "Non á custa de arrasar as nosas aldeas, destruíndo o noso patrimonio, o noso medio de vida", matizan.