Ecoloxistas presentan outra demanda contra a autorización da mina de Urbas, en Muras

A mina de San Acisclo, na parroquia de Silán, en Muras (Foto: Ecoloxistas en Acción)

A Asociación Ecoloxistas en Acción presentará demanda no contencioso-administrativo contra o proxecto mineiro. A posíbel rotura dunha das balsas de decantación podería ter “nefastas consecuencias”, segundo a organización.

A asociación Ecoloxistas en Acción fundamenta a súa demanda en que no proxecto figura que no Monte de Escoiras habería un total de 12 balsas de decantación polo que e a posíbel rotura dunha delas tería consecuencias nefastas para os núcleos próximos e os ríos, incluido o río Landro.

Explican, a través dun comunicado, que “os materiais en suspensión destas balsas adoitan ter metais pesados” polo que cando se abandonan metais tóxicos no ambiente, “contaminan o chan e acumúlanse nas plantas e os tecidos orgánicos”.

A organización ecoloxista asegura que o perigo dos metais pesados é maior “ao non ser química nin biolóxicamente degradábeis. Unha vez emitidos, poden permanecer no ambiente durante centos de anos”.

Informe sobre o proxecto

Para corroborar estas afirmacións presentan un informe realizado pola bióloga e farmacéutica, Verónica Crecente. Nel arguméntase que os metais pesados, ademais, tenden a bioacumularse e a biomagnificarse  provocando efectos tóxicos de moi diverso carácter.

“No ser humano detectáronse infinidade de efectos físicos, desde dores crónicas e problemas sanguíneos, mais tamén efectos psíquicos como ansiedade ou pasividade”, aseguran.

A organización ecoloxista conclúe que as balsas “deberan catalogarse como balsas de residuos mineiros da Categoría A e, por tanto, deberan contar con un sistema de xestión da seguridade e de emerxencias”.

Lembran que “estamos a falar de terreos húmidos que escoan pola súa propia configuración e non existe un estudo xeotécnico que demostre que as balsas se poden escavar sobre a rocha directamente como afirma a promotora”.

Por último, advirten de que “en base ao principio de precaución e tendo en conta a presencia moi próxima de núcleos de poboación, fontes e brañas con presencia de turberias xa non debera permitirse esta actividade extractiva a ceo aberto”.

Protestas contra o proxecto

En decembro, a Consellaría de Industria da Xunta da Galiza autorizaba a explotación por parte de Urbas da mina de feldespato a ceo aberto de San Acisclo, na parroquia de Silán, en Muras.

A decisión motivou as protestas de colectivos ecoloxistas e tamén da veciñanza das parroquias de Silán e Viveiró, afectadas polo proxecto, que denunciaban do seu impacto ambiental na Rede natura e á Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Un pleno extraordinario decorreu na tarde desta segunda feira, a petición de veciños e veciñas de ambas as dúas parroquias, para tratar  a impugnación da autorización a esta explotación mineira.

O alcalde, Manuel Requeixo (BNG),  aseguraba a Nós Diario que o Concello solicitaría "todos os informes” e revisaría “todos os estudos e documentos" relacionados coa autorización do proxecto.O propio rexedor acusaba a empresa Urbas de ofrecer "prezos irrisorios" a propietarios de terreos na zona de explotación da mina.

Tamén o Sindicato Labrego Galego (SLG) reaccionaba presentando, en febreiro, un recurso de reposición fronte á autorización da Consellaría polo que consideraban un "cumio de irregularidades que arrodean a xestión administrativa desta solicitude e severa afección medioambiental".