Presentan o Carballo de Conxo ao certame europeo de Árbore de 2022

Carballo de Conxo. (Foto: Europa Press)
Após imporse no concurso estatal, o Carballo de Conxo aspira a converterse en Árbore europea de 2022. Na presentación da candidatura buscan sumar o apoio de máis cidades e institucións.

Compostela presenta esta cuarta feira a candidatura do Carballo de Conxo a Árbore europea de 2022, durante a Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se desenvolve desde ese día en Madrid.

No acto estará presente Xosé Sánchez Bugallo, alcalde da capital, que acudirá ao pavillón galego do evento a facer promoción dos parques e zonas verdes da cidade, ao tempo que lanzan a candidatura para o concurso de árbores.

Ademais, recollerán o certificado que acredita o Carballo de Conxo como o triunfador do certame estatal de Árbore do Ano, que brinda a posibilidade de asistir ao certame continental.

O Concello transmitiu que a presentación en Fitur procura que outras cidades e institucións se impliquen na candidatura, que abre o seu prazo oficial o vindeiro 1 de febreiro, e na que participarán Susana Domínguez, presidenta de Bosques sen Fronteiras, e Jorge Luís Marquínez García, director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación.

O eixo principal da campaña será o vídeo Carballo de Santiago: A luz de Europa, protagonizado pola actriz Susana Sampedro, e no que participan persoas da cidade procedentes de distintos ámbitos.

O alcalde compostelán sostivo a semana pasada que buscan até 100.000 apoios, co que consideran que garantirían o galardón, após imporse folgadamente no concurso estatal.

Seis millóns de metros cadrados de parques

No que atinxe ás zonas verdes de Compostela, presentarase a campaña Santiago, Patrimonio Natural, para pór en valor os seis millóns de metros cadrados de parques cos que conta a urbe.

"Son 60 m2 por habitante", destacou Bugallo, salientando que isto "multiplica por catro o recomendado pola Organización Mundial da Saúde".

Nesa liña, a vindeira quinta feira recibirá a distinción de Sicted (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) por ser o segundo mellor destino a nivel estatal.

Un día despois, o alcalde intervirá na asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, e mais na presentación do plan de acción conxunta entre esta entidade e Turespaña.