En marcha os preparativos para o resgate do Blue Star

Remolcadora Union Princess no porto de Ferrol (José R. Montero)

A empresa holandesa contratada polo armador do Blue Star, SMIT Salvage, e a compañía local Ardentia Marine continúan cos preparativos para retiraren o quimiqueiro, xa sen combustíbel, da costa galega.

Desde a sexta feira 6 de decembro, os esforzos céntranse en aumentar a altura da tirolesa instalada en terra para facilitar o desprazamento do persoal de traballo á embarcación.

De tal xeito, este sábado acceden a bordo varios equipos de soldadores que procederán a reforzar os puntos de tiro do barco, expostos a unha forza equivalente a dúas toneladas por parte das remolcadoras.

Segundo o plan de resgate de SMIT Salvage, a operación consistirá nun arrastre combinado da embarcación entre a zona de babor e a de popa que se realizará preferibelmente durante a preamar. Antes do remolcado, quitarase a auga que permanece nos tanques de lastre.

O dispositivo ultima os detalles para a retirada do barco, prevista entre os días 10 e 15 de decembro.