Denuncian novas expresións de LGTBIfobia en centros educativos de Oleiros

Simboloxía pola liberdade afectiva e sexual vandalizada en Oleiros.
O BNG de Oleiros amósase "moi preocupado por unha escalada sen precedentes" de LGTBIfobia na contorna educativa do concello, ante a que urxe a intervención da Consellaría de Educación.

A chamada de atención específica, dirixida ao departamento que dirixe Román Rodríguez, chega tras coñecer e denunciar una nova expresión de odio contra a comunidade LGTBI na entrada principal dun dos centros educativos públicos de Oleiros.

Segundo informa o grupo nacionalista do municipio, a semana pasada "foron vandalizadas a bandeira do arco da vella, símbolo da loita pola diversidade afectiva e sexual mais unha mensaxe que dicía 'aquí antes había unha pintada homófoba', na entrada principal do IES Miraflores".

Pintadas homófobas

Tanto a bandeira como a inscrición "contra a intolerancia", foron realizadas por militantes do BNG de Oleiros o pasado 11 de xullo para eliminar varias pintadas homófobas que levaban lixando o muro do principal acceso ao centro escolar desde había varios anos, explica a formación local nun comunicado.

Só uns días antes, a entrada doutro instituto de secundaria do municipio, o IES Xosé Neira Vilas de Perillo, sufría outra pintada, tamén de carácter homófobo, aclara.

"O BNG amósase moi preocupado con esta escalada de mensaxes de odio, sen precedentes no noso concello, e máis aínda polos lugares concretos onde aparecen: os centros escolares", motivo polo que anima á veciñanza a participar nunha acción directa como a que tivo lugar o pasado 11.

Convocatoria

Nesta ocasión será este domingo, día 15, ás 11 da mañá. "Cando a intolerancia arrecia, limitarse a expresar preocupación sen facer máis nada non é unha opción", defende.

Ao mesmo tempo, o BNG anima a dirección do IES Miraflores a seguir o exemplo da do Neira Vilas e denunciar estes feitos ante as forzas e corpos de seguridade ademais de pedirlle á Consellaría de Educación que "saia do seu letargo estival e tome a iniciativa fronte á aparición de mensaxes de odio en instalacións da súa titularidade", cuxa primeira denuncia e voz de alarma partiu do propio alumnado de secundaria do municipio, salienta.