Preocupación na Galiza polos atascos nas saídas de Madrid

Retencións de vehículos nas saídas de Madrid rexistradas polas cámaras de Tráfico (Imaxe: DXT)
A chegada da noite e as estradas secundarias semellan ser un subterfuxio para quen pretende incumprir a lei e acceder á súa segunda vivenda, razón pola que concellos galegos piden intensificar os dispositivos neses accesos durante os feriados. As imaxes dos atascos na autovía A-6, que conecta Madrid coa Galiza, volveron xerar alarma. 

Os atascos rexistrados en Madrid na autovía A-6, que leva á Coruña, acontecidos na véspera dos feriados da Semana Santa, espertaron de novo o temor nos concellos galegos ante a chegada de visitantes da capital do Estado.

As imaxes desa A-6 abarrotada na saída de Madrid chocan coa vixencia do cese de toda actividade non esencial para aumentar a loita contra a pandemia, motivo que evidencia que as altas retencións non se poden deber só a desprazamentos de traballadoras de sectores esenciais dentro da propia capital.  

Non foi ese o único argumento que se apuntou para rebaixar a alarma. A secretaria xeral de Transportes, María José Ramallo, argumentou nesta quinta feira, 9 de abril, que as imaxes dos atascos  se debían aos controis policiais que nas saídas de Madrid se instalaron para impedir as viaxes cara a vivendas vacacionais, e negou que se debesen "a saídas masivas da poboación a segundas residencias”.

Con todo, coches eran moitos, tal e como captaron as cámaras da Dirección Xeral de Tráfico. Os maiores atascos foron na A-6 , que leva á Galiza; na A-5, cara a Portugal; e na A-3, que vai até a costa valenciana. 

As entradas de visitantes producíronse principalmente de madrugada, resalta Varela.

Xa na terza feira da Semana Santa aumentou o tráfico dos vehículos particulares e o número de pasaxeiras de tren, en comparación cos días previos.

Cabanas pide máis control

En Cabanas só teñen un único efectivo da Policía Local, motivo polo que este concello xa pediu hai días á Delegación do Goberno estatal reforzar os controis nos accesos. Porén, o tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela (BNG), lamenta que ante os feriados "non se notou aínda moito cambio" nos dispositivos e sinala que "aquí os controis son esporádicos nos accesos principais, pero non nas estradas secundarias.

Son aleatorios, non fixos, están media hora nun punto e logo noutro", relata a Nós Diario. Por iso, desde o Concello piden que se redobren os controis e Varela fai tamén un chamamento á responsabilidade.

"Temos unha residencia de maiores, onde non entrou o coronavirus, e vendo o caos que hai nestes centros na Galiza temos que evitar que chegue a COVID-19", di. 

Algúns visitantes pretenden colarse "con nocturnidade"

As forzas de seguridade incrementan de día e de noite os seus controis, tanto en vías principais como en secundarias, asevera a Dirección Xeral de Tráfico nun comunicado.

Porén, o tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela, sinala a Nós Diario que xa na anterior fin de semana aumentou o número de persoas nas áreas en que neste concello se congregan as segundas residencias, que é na contorna da praia.

As entradas de visitantes producíronse principalmente de madrugada, resalta Varela.

A alarma xurdiu na poboación precisamente nesa fin de semana, ao izarse unha bandeira española nun chalé onde tal acción é unha tradición coa que a familia que ten esa segunda vivenda anuncia a súa chegada.

Nas redes houbo polémica e un membro da familia argumentou que xa estaban nesa morada desde antes do estado de alarma, pese a que algunhas veciñas continúan sen crelo.