Premian unha tese da USC como a mellor do mundo no eido dos fluídos supercríticos

Víctor Santos Rosales, o investigador premiado. (Foto: USC)
A tese foi defendida o pasado 20 de outubro de 2021 no marco do doutoramento internacional e recibiu a cualificación de Sobresaliente Cum Laude.

A International Society for the Advancement of Supercritical Fluids (ISASF) vén de recoñecer unha investigación desenvolta por Víctor Santos Rosales dentro do grupo I+D Farma da Facultade de Farmacia da USC coa distinción de mellor tese de doutoramento do mundo. 

Ocorreu durante o recente congreso International Symposium on Supercritical Fluids (ISSF2022) que decorreu na cidade canadense de Montreal.

A tese de Santos Rosales foi considerada de forma unánime como a mellor de 2021 no ámbito dos fluídos supercríticos. O estudo aborda o desenvolvemento de estratexias avanzadas de procesado de biomateriais para aplicacións biomédicas, enfocándose principalmente na medicina rexenerativa ósea

A investigación, que leva por título New strategies for the production of ready-to-implant bone scaffolds using supercritical fluid technology está dirixida polos profesores da USC Carlos A. García-González e Carmen Álvarez-Lorenzo.

Investigación xa premiada

A tese foi defendida o pasado 20 de outubro de 2021 no marco do doutoramento internacional e recibiu a cualificación de Sobresaliente Cum Laude.

O traballo deste investigador xa fora premiado pola Asociación de Expertos en Fluídos Comprimidos (FLUCOMP) co galardón de mellor tese defendida entre os anos 2020 e 2021.

Trátase dunha investigación de carácter interdisciplinario que permitiu o procesado en ausencia de disolventes de scaffolds óseos medicados empregando CO2 supercrítico como axente poróxeno e plastificante.

Outros dos fitos do equipo investigador foi desenvolver “varias aproximacións tecnolóxicas que permiten a produción de implantes nanoestruturados con porosidade modulábel e altos rendementos de incorporación de fármacos”, segundo sinala o investigador premiado.