Resolvemos as dúbidas

Todo o que necesitas saber sobre 'Nós Diario'

Fican menos de dous meses para que Nós Diario, o novo medio de Sermos Galiza S.A., vexa a luz. O 2 de xaneiro de 2020 sairá do prelo o diario en papel e mais o diario dixital. Mais a finais deste novembro, verá a luz o primeiro número cero. Tes dúbidas? Resolvémoschas!

Co comezo da nova década chega o novo diario en galego, Nós Diario cuxa versión en papel e na rede faranse públicas o 2 de xaneiro de 2020. Mais antes poderán coñecerse as principais características do soporte físico grazas ao primeiro número cero que se publicará o 30 de novembro despois destas últimas semanas de probas na redacción do novo medio. Nesta información resolvemos as dúbidas a respecto da saída dun medio tan necesario como agardado.

Que temáticas tratará Nós Diario? 

Traerá ao primeiro plano informativo as temáticas que se botan en falta na axenda mediática da Galiza. Cuestións como a cultura galega, o traballo, os feminismos, a lingua, a diáspora, os dereitos civís, a historia, a memoria, o ecoloxismo... Todo o que interesa a un público de pensamento aberto, actual e implicado, que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social. Todo en base a unha ollada construtiva cara á realidade galega para contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada.

Desaparecerá Sermos Galiza?

O diario dixital Sermos Galiza virará en Nós Diario, que permitirá o acceso a todas as informacións publicadas desde os inicios de www.sermosgaliza.gal. O semanario en papel Sermos Galiza, que a semana pasada sumou 372 edicións, desaparece como tal e pasará a formar parte de Nós Diario os sábados, como suplemento de fin de semana.

Cando sairá Nós Diario en papel?

O primeiro número cero que se fará público verá a luz o 30 de novembro. Coñecerase entón, após semanas de probas internas na redacción, as características estéticas e de contidos do diario en papel e do suplemento de fin de semana, que levará por nome Sermos Galiza, unha chiscadela ao actual semanario en papel, que se reconverterá na publicación que acompañará a Nós Diario os sábados. A partir do 2 de xaneiro verá a luz de maneira regular tanto o diario en papel como o diario dixital.

Que días se editará?

O  diario en papel verá a luz cinco días á semana -algo habitual na imprensa europea-, de terzas feiras a sábados. Unha edición en papel cinco días á semana supón un aforro nos custos de produción que fan viábel o proxecto e porque garante o dereito ao descanso de fin de semana das traballadoras e traballadores. Eses dous días sen edición impresa manteremos actualizado o diario dixital.

A subscrición ao suplemento é independente á do diario en papel?

Non. A subscrición é a Nós Diario e o prezo inclúe o suplemento de fin de semana Sermos Galiza.

Canto custará Nós Diario nos quiosques?

De terzas a sextas, 1,50 euros. Os sábados, 3 euros, pois inclúe o suplemento fin de semana.

Canto aforro se me subscribo a Nós Diario?

Subscribíndote obterás un importante aforro a respecto da compra día a día. Existen varias posibilidades de subscrición.

Versión en papel con acceso ao diario dixitalizado na nube:

•12 pagamentos mensuais por un importe de 27 euros ao mes.

•4 pagamentos anuais por un importe de 78 euros ao trimestre (26 euros ao mes).

•2 pagamentos anuais por un importe de 150 euros ao semestre (25 euros ao mes).

•1 pagamento anual por un importe de 288 euros ao ano (24 euros ao mes).

Acceso ao diario dixitalizado na nube:

•12 pagamentos mensuais por un importe de 20 euros ao mes.

•4 pagamentos trimestrais por un importe de 57 euros ao trimestre (19 euros ao mes)

•2 pagamentos semestrais por un importe de 108 euros ao semestre (18 euros ao mes)

•1 pagamento anual por un importe de 204 euros ao ano (17 euros ao mes)

Cales serán as características físicas de Nós Diario?

O diario en papel editarase de terzas feiras a sábado en 32 páxinas, a cor e artellarase ao redor das seguintes seccións: Galiza, Economía e Traballo, Internacional, Cultura e Axenda. Opinión e En Foco actuarán como apartados de ruptura. A respecto do diario dixital, publicarase os 365 días do ano de maneira ininterrompida, para dar conta de toda a actualidade.

Que sustentará a viabilidade de Nós Diario?

Nós Diario non conta con ningún gran medio de comunicación detrás. De feito, Sermos Galiza S.A. é unha iniciativa colectiva conformada por máis de 900 accións. Contamos co apoio económico de máis de 3.000 persoas, a cifra mínima de asinantes que garante a estabilidade financeira do medio. Continuamos a medrar.

Que é o acceso ao diario dixitalizado na nube?

Todas as persoas subscritoras ao papel terán acceso de balde ao diario dixitalizado na nube, que vén ser unha versión en PDF -mais sen posibilidade de descarga- do diario en papel. Ademais, Sermos Galiza pon a disposición das asinantes a modalidade de subscrición só dixital, sen papel, cuxos custos son menores debido a que non é necesario distribuílo de maneira física.

Cando se pasará o primeiro cargo?

A mediados de decembro de 2019.

É posíbel subscribirse a Nós Diario ou facerse accionista de Sermos Galiza S.A.?

Si, tes toda a información sobre as distintas modalidades de subscrición na web www.nosdiario.gal. É posíbel subscribirse desde 20 euros cada mes ou, o que é o mesmo, por 60 céntimos ao día, menos do que custa un café. Este sería o prezo da subscrición ao diario dixitalizado na nube. Tamén permanece aberto o prazo para te facer accionista da empresa. Tes toda a información dispoñíbel no teléfono 881959597.