O test de antíxenos das farmacias valerá para a hostalaría

A predominancia da variante Delta dispara a incidencia da Covid na Galiza

Mapa e táboa coas restricións por niveis que rexerán en cada concello a partir das 00.00 horas deste sábado (Infografía: Nós Diario).
A partir deste sábado, as sete cidades galegas estarán, xunto con outros 41 municipios, no nivel alto de restricións. Aliás, outros doce ficarán no máximo.

A incidencia da Covid-19 medra na Galiza a un ritmo de 2,6% diario, sen alcanzar aínda o pico máximo da quinta vaga. Así o confirmou nesta cuarta feira a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na rolda de prensa posterior ao encontro que o Comité Clínico mantivo na terza feira.

Os casos activos soben unha xornada máis até os 18.535 (474 máis que na xornada anterior). A área sanitaria de Vigo segue a concentrar a maior parte das infeccións, un total de 4.378 (+30), seguida da da Coruña-Cee, con 3.530 (+206); Pontevedra-O Salnés, con 3.041 (+17); Compostela-O Barbanza, con 2.378 (+104); Ourense-Verín-O Barco, con 2.223 (-34); Lugo-A Mariña-Monforte, con 2.100 (+100), e Ferrol, con 885 (+51).

No conxunto do país, así as cousas, descenden levemente os novos contaxios a 1.259 (-41), mais a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) segue a duplicar o limiar de 5% recomendado para dar por controlada a transmisión, cun dato de 12,3%.

Aliás, desde o inicio da pandemia faleceron como consecuencia do coronavirus 2.453 persoas, após notificar Sanidade un novo óbito.

No que atinxe ás hospitalizacións, continúan ingresados 30 doentes na UCI (sen cambios) e outros 234 en planta (-2). A este respecto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apuntou que 80% dos internamentos son persoas que aínda non foron chamadas a se vacinar, 15% conta cunha única dose e apenas 5% deles ten xa a pauta completa.

Polo de agora, dixo, a presión asistencial non está a alterar a actividade cirúrxica programada, mais alertou de que a situación é "preocupante" e, de proseguir a actual tendencia do coronavirus, "poderíase sobrepasar o límite".

Con todo, incidiu en que nos hospitais galegos hai pacientes de 29, 30, 37 ou 40 anos nas unidades de críticos, polo que fixo un chamamento á poboación máis nova para que "extreme as precaucións e faga un último esforzo" porque "está a piques de chegar" a súa vacina —esta semana comezaron as citacións para as persoas de 20 a 29 anos, e as de idades comprendidas entre os 16 e os 19 poden desde a semana pasada acudir ao servizo de autocita—.

O foco, na mocidade

García Comesaña tamén instou os mozos e mozas a participaren nos cribados poboacionais que se están a realizar en todas as áreas sanitarias. Ao longo desta semana serán citadas 33.000 persoas, fundamentalmente de entre 18 e 30 anos. A pasada semana, cunha cifra de citación semellante, houbo unha asistencia de 54% e detectáronse 1.218 positivos, unha porcentaxe de 3,77%.

De feito, segundo os datos máis recentes, a incidencia acumulada a 14 días é de 2.266 casos por cada 100.000 habitantes no grupo de idade de 12 a 19 anos, e de 2.543 entre os 20 e os 29, ambas as dúas por riba da media estatal.

No conxunto da poboación galega, sexa cal for a súa idade, a incidencia a 14 días é de 675 casos por 100.000 habitantes. Aliás, a circulación da variante Delta ascende a 66% no país, mentres a Alfa cae até 28%.

Noutra orde, o conselleiro apelou á xente nova a facilitar "todos os contactos estreitos" no caso dun positivo, e non os omitan para "salvar alguén dunha posíbel corentena", xa que deste modo non se pode controlar a transmisión e as e os doentes poderían sufrir "unha evolución complicada do virus" independentemente da súa idade, ou ben "contaxiar outras persoas" do seu entorno.

60 municipios estarán nos niveis alto e máximo

A "mala situación epidemiolóxica", insistiu García Comesaña, obriga a manter as actuais restricións, que considerou precisas para evitar un novo fechamento da hostalaría. Coas exixencias actuais, dixo, estes locais son "lugares seguros", xa que perto de 70% da poboación total conta coa pauta completa da vacina, e para acceder exíxese quer un test negativo quer o certificado de vacinación.

Así as cousas, a partir das 00.00 horas deste sábado doce municipios estarán no nivel máximo de restricións; 48, no alto —entre eles as sete cidades—; 52, no medio, e os 201 restantes, no medio-baixo.

Tests das farmacias

Os tests de antíxenos que distribúen as farmacias servirán para acreditar un resultado negativo da Covid-19 e poder acceder aos estabelecementos da hostalaría e o lecer nocturno —nos concellos onde se permite a súa apertura—. Porén, a proba non será válida se se realiza no domicilio; deberá facerse en presenza do farmacéutico, que identificará á persoa e supervisará o proceso para, posteriormente, notificar o resultado ao Servizo Galego de Saúde (Sergas). Estes tests pódense realizar desde esta quinta feira.

Aliás, no caso dos test realizados na casa, Sanidade habilita un teléfono 900 específico para dar constancia dun positivo e obter unha "cita inmediata" confirmar o caso cunha PCR.

22 positivos nos centros de maiores

Logo de se rexistrar na terza feira un primeiro positivo na residencia Santo Estebo de Perlío (Fene), os contaxios medran nesta xornada até os 16 (+15). Deste modo, as infeccións nos centros de maiores do país soben a 22, cos tres casos que continúan activos na residencia de Campolongo (Pontevedra), dous en Bo Día Magnolio (Vigo) e outro en Val do Dubra.