A Xunta sitúa unha ducia de concellos no nivel máximo e as sete cidades galegas no nivel alto

Ambiente de terrazas en Ourense na fin de semana, cando entraron en vigor as novas medidas na hostalaría. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A taxa de reprodución segue por riba de un e a evolución epidemiolóxica non é boa, malia que desde mediados de mes o crecemento dos contaxios diminúe.

Ante o aumento da incidencia acumulada da Covid nas últimas semanas, concentrada fundamentalmente entre a poboación de 12 a 29 anos, a Xunta da Galiza, de acordo co Comité Clínico de expertos que asesora o Goberno galego sobre a pandemia, resolveu adoptar novas medidas para frear unha evolución epidemiolóxica negativa, explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

De 12 a 19 anos, a incidencia acumulada sitúase en 2.266 casos por 100.000 habitantes. De 20 a 29, sobe a 2.543. Cunha incidencia acumulada a 14 días de 674, a Xunta muda o nivel de risco e restricións de varios concellos, que se decide de acordo coa súa incidencia axustada ás taxas de hospitalización.

Nivel máximo

Así, quedan en nivel máximo: Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso, que se unen aos de Boiro, Cambados, O Barco, Meaño, O Grove e Sanxenxo.

Nivel alto

No nivel alto, Sanidade sitúa 48 municipios e as sete cidades galegas. Ademais de Vigo, Pontevedra e Ourense, suma A Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo.

O nivel será novo tamén para os concellos da Pobra, Ames, As Pontes, Arteixo, Cambre, Cariño, Ortigueira, Chantada, Monforte e Verín.

A canda estes seguirán: A Guarda, A Illa de Arousa, Arzúa, Avión, Barbadás, Bueu, Carballo, Cervo, Culleredo, Fisterra, Gondomar, Marín, Meis, Melide, Moaña, Mos, Nigrán, O Carballiño, O Porriño, O Rosal, Oleiros, Poio, Ponte Caldelas, Redondela, Ribadeo, Ribadumia, Ribeira, Soutomaior, Tomiño, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

Nivel medio e medio-baixo

Pasan a nivel medio de risco e restricións 52 concellos: Toques, A Capela, Rábade, Monterrei, Riós, Noia, Sada, Mondoñedo, Beariz, Boborás, Vilamartín, Corcubión, Curtis, Rianxo, Pontedeume, Barreiros, O Valadouro, A Pobra de Trives, A Rúa, Coles, A Lama, Barro, Oroso, Pontecesures, Silleda, Teo, Sarria, Vilalba, Maceda, O Pereiro de Aguiar, Ribadavia, San Cibrao, Caldas de Reis, Tui, Bergondo, Cee, Coristanco, Brión, Carnota, Outes, Padrón, Cedeira, Narón, Valdoviño, Celanova, A Cañiza, Arbo, As Neves, Cangas, Ponteareas, Vilaboa e Vimianzo.

Un total de 201 muncipios rexeranse polas condicións do nivel medio-baixo a partir da medianoite do vindeiro sábado, 31 de xullo.

Evolución epidemiolóxica

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, afondou nos detalles da evolución epidemiolóxica que xistifican os cambios anunciados. Segundo aclarou, a incidencia acumulada na Galiza sitúase por riba da rexistrada hai unha semana tanto a sete como a 14 días.

O número de contaxios creceu un 62 %, cunha taxa de positividade que tamén subiu, por riba de 12%. Doutra banda sinalou un terceiro dato: o número reproductivo instantáneo que dá conta dos contaxios por caso activo, que se mantén por riba de un, se ben desde o 16 de xullo é visíbel un descenso do ritmo de crecemento dos novos positivos.

Presión hospitalaria

Na rolda de prensa posterior á reunión do Comité Clínico, García Comesaña resaltou a situación "preocupante" da hospitalización por Covid nos centros sanitarios galegos. Os datos son malos. Hai pacientes de 29, 30, 37 e 40 anos en unidades de coidados intensivos, onde a ocupación aínda é compatíbel coa actividade cirúrxica ordinaria, Se ben, afirmou, pode chegar a afectarlle.

Validez dos tests de antíxenos en farmacias

Sanidade confirmou ademais o compromiso adquirido pola Xunta cos colexios de farmacéuticos da Galiza para que as farmacias poidan acreditar os tests de antíxenos negativos que darían acceso a unha hostalaría segura en concellos en nivel máximo e alto.

Neste sentido, García Comesaña confirmou que a raíz deste acordo perde validez calquera test de antíxenos realizado na casa sen supervisión a efectos de pode consumir no interior de bares e restaurantes. Non terá custo algún e só terá valor na Galiza. Ademais, anunciou a apertura dun teléfono 900 para que os positivos dos tests das farmacias poidan comunicarse por esa vía desde esta fin de semana para non sobrecargar aínda máis os centros de saúde. 

Niveis e restricións

O nivel máximo de incidencia implica cambios nas restricións en distintos ámbitos. Por exemplo os grupos deben limitarse a seis persoas en espazos fechados, mentres que no exterior poden chegar até dez participantes. Malia non estar estabelecido o toque de recoller, entre a 1 e as 6 horas só poden compartir espazo cidadás que convivan.

A máscara é obrigatoria, con independencia de que se poida garantir a distancia de seguridade. A hostalaría poderá dispoñer do interior dos locais a 30% da súa capacidade, con mesas de até seis clientes. A barra fica inutilizada e as terrazas estarán ao 50%. Aliás, os negocios deben solicitar un certificado acreditativo de non estar libre de infección polo coronavirus a todas as persoas maiores de 12 anos.

Será requisito tamén para acceder ás terrazas de pubs e discotecas, que a Xunta resolveu reabrir tras anunciar inicialmente o seu fechamento. Funcionan a 50% da súa capacidade.

No nivel alto, as limitacións para as reunións sociais e os horarios  da hostalaría son os mesmos do nivel máximo, ao igual que acontece co uso da máscara.

O certificado para acceder a bares e restaurantes tamén será preciso, se ben o espazo dispoñíbel para consumir no interior da hostalaría será do 50%.

No nivel medio de risco, as xuntanzas rexeranse poloos mesmo límite, seis persoas no interior, dez en espazos abertos. De madrugada, mais os encontros entre non coviventes quedarán restrinxidos entre as 3 e as 6 horas. A hostalaría pode abrir até a 1 a 50% en interior e exterior. Non poderán contar coas barras mais tampouco ten a obriga de exixir probas de non ser positivo por coronavirus.

O ocio nocturno ten permiso para abrir até as tres da madrugada coa capacidade limitada no interior á metade e a 75% no exterior.

No nivel medio baixo, rexen as mesmas condicións salvo no caso dos horarios de restaurantes, bares, pubs e discotecas que poderán operar a 50% nos interior e a 100% en terrazas.