Amara García Adán: "É preciso incluír a perspectiva de xénero no ámbito do Dereito"

Amara García Adán
Após a sentenza da Audiencia de Nafarroa sobre o xuízo da "Manada", Amara García Adán deu un xiro na súa carreira e decidiu realizar o seu Traballo Final de Grao (TFG) de Dereito (USC) sobre a "inxustiza epistémica". A súa orixinalidade e a importancia do tema levouna a recoller o premio da Valedora do Pobo.

-Que a inspirou a realizar o seu traballo Inxustiza epistémica e argumentación xurídica. Especial atención aos casos de violación?

Este traballo xorde do interese de saber como se configuraron os delitos sexuais contra as mulleres e como en función do contexto histórico foron interpretados de diferentes maneiras e así poder entender como se interpretan hoxe polos tribunais. Malia que a conceptualización da violencia sexual e a súa configuración xurídica son recentes, é unha violencia que leva existindo desde os primeiros ordenamentos xurídicos. 

-A que conclusións chega tras de realizar o traballo?

Considero que é claramente plausíbel que, ao longo da historia, os roles de xénero que se adxudican a corpos feminizados e masculinizados son diferentes. Isto ten como consecuencia comportamentos diferentes ante as mesmas situacións. A pornografía hexemónica é un grande aliado do patriarcado que ensina os e as adolescentes como se supón que son as relacións sexuais nas que se mostran agresións constantemente. As violacións son atractivas aos ollos do sistema, así foi no transcurso do xuízo da "Manada", que resultou ser a primeira procura nas páxinas web de porno.

Os prexuízos identitarios de xénero seguen en todos os ámbitos da sociedade, o que xera inxustizas epistémicas dentro da argumentación xurídica. Segue existindo un ideal de vítima que tras sufrir unha agresión non pode seguir desfrutando da súa vida. Séguese cuestionando o seu testemuño desde que entra na comisaría, converténdose a súa credibilidade nun debate público que inunda faladoiros e noticias sensacionalistas.

Por último, é preciso incluír a perspectiva de xénero no Dereito e superar a regulación actual da configuración da violencia sexual no noso ordenamento xurídico no futuro para impedir que agromen estes prexuízos machistas no ámbito xudicial e que non se repitan casos tan alarmantes como o da sentenza de 2018, relativa ao caso da "Manada". Será necesario que haxa unha formación en igualdade e perspectiva de xénero así como a inclusión dun maior número de mulleres dentro do sistema.

-Que considera que queda por facer a respecto do tratamento xurídico da violencia de xénero?

Preocúpame o recente auto ditado polo Xulgado de Instrucción número 1 de Viveiro respecto ás festas da Maruxaina de Cervo. Gustaríame coñecer os detalles, mais resultoume imposíbel atopalo, para saber cal foi o fío argumental que mantivo o xuíz. Paréceme preocupante que se senten precedentes se non se aprecia delito en gravar mulleres ouriñando nun lugar recóndito da rúa –por insuficiencia de baños públicos– e subir as imaxes a webs porno. Teremos que manternos á espera a ver como se resolve o recurso que se formulou ao auto.

Considero que a Xunta da Galiza debe impartir campañas de sensiblización sobre a gravidade da violencia sexual. Incluír tamén nos programas educativos –a todos os niveis– materias neste tema para poder exercer unha función de prevención. Así mesmo, deberíase dar formación sobre a violencia sexual a todos os operadores xurídicos para que poidamos deconstruír todos os prexuízos existentes na concepción social da violencia sexual e seguir avanzando cara a unha sociedade sen prexuízos e máis xusta.

-Cal debería ser o camiño a seguir para conseguir unha xustiza máis igualitaria?

Considero que o mellor camiño é a educación. Que as leis integrais sexan integrais de verdade e que a práctica non recaia tanto no dereito penal. O dereito penal ten que ser a última ferramenta do Estado.

É dicir, precisamos actividades de prevención antes de acudir ás sancións. É necesario educar en igualdade, educar para que os roles de xénero non se sigan repetindo. Na miña opinión, a formación en xénero deberíase enfocar xa desde o comezo na formación de novos e novas xuristas así como na propia carreira xudicial. Ao mesmo tempo, para conseguir superar as inxustizas epistémicas existentes na sociedade vai ser imprescindíbel someter a unha análise crítica e feminista a argumentación xurídica. Ademais, considero que a inclusión da perspectiva de xénero, tanto no Dereito en xeral como na argumentación xurídica en particular, é unha cuestión moi positiva. Deste modo avanzaremos para que non se exclúan as experiencias das mulleres e poidan confiar no sistema xudicial construíndo unha sociedade máis xusta.  

Así mesmo, é precisa unha reforma no Código Penal. A división que se fai entre abuso ou agresión sexual non atende as características dos actos sexuais, senón aos medios empregados para transgredir o ben xurídico da liberdade sexual. Imponse como criterio de medición a intensidade do ataque no lugar da decisión da vítima. Parte da doutrina, como Rosario de Vicente Martínez, considera que hai que superar esta actual redacción para dar unha adecuada resposta aos accesos carnais cuxa simple punición como abusos sexuais, desde o punto de vista terminolóxico, resulta claramente insatisfactorio.