Precisas descargar de novo o certificado Covid? Consulta se estás entre as 150.000 persoas afectadas na Galiza

Vacinación contra a Covid-19 (Foto: Arxina).
Un cambio de criterio na emisión do certificado de vacinación obriga a miles de cidadáns a descargar de novo o certificado Covid. O Sergas detalla o perfil de vacinación das persoas afectadas.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) enviou 150.000 mensaxes a persoas da Galiza que deben volver descargar o certificado Covid porque están afectadas por un cambio de criterio na emisión do certificado de vacinación, en virtude dos cambios na normativa europea que regula estes documentos.

Estas mensaxes enviadas sinalan ao usuario que debe volver descargar o certificado de vacinación e remiten unha ligazón na que os pacientes do Sergas poden consultar a información.

Quen debe descaragr de novo o certificado covid?

Aquelas persoas que tiveron unha primeira dose de Janssen, dose de reforzo e certificado descargado.

Todos os cidadáns con pauta completa excepcional por ter pasado a enfermidade, dose de reforzo e certificado Covid descargado. Por exemplo, persoas que pasaron a enfermidade a principios de 2021 e que só recibiron unha vacina como pauta completa e, agora, xa contan coa dose de reforzo (é dicir Covid + vacina + dose de reforzo).

Mudanzas na emisión do certificado

Desde o 1 de febreiro, entraron en vigor as novas normas para a xeración do certificado de vacinación. Neles, sempre figurará o nome da última vacina administrada e a data, sempre que sexa unha vacina aprobada pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Os certificados de pauta completa (primovacinación), sen dose de reforzo, serán válidos durante 270 días (nove meses). Neste momento, non hai período máximo de validez para as doses de reforzo.

Hai que ter en conta un cambio na codificación das doses administradas en distintas circunstancias, nas que o número denominador indicará o número de dose que se corresponden coa primovacinación, advirten.

Novos códigos

Desta maneira, primovacinación con Janssen, por ser monodose, aparecerá sempre no denominador un 1 e no numerador, as doses totais recibidas. Por exemplo, 2/1 significa que se ten a pauta completa con dose de reforzo.

As persoas con antecedentes da infección e que só precisaron unha dose como primovacinación, tamén aparecerá no denominador un 1 e un 2 no numerador, o que indica o total de doses recibidas. Por exemplo: unha persona que pasou a Covid na terceira onda (xaneiro de 2021) e que só recibiu unha vacina para completar pauta e recibiu xa a súa dose de reforzo, terá no seu certificado este código: 2/1.

As persoas que acheguen vacinas non aprobadas pola OMS, necesitarán unha dose de ARNm e, por tanto, esta vacina será a única que se reflicta no denominador, cun número 1, e no numerador, as doses totais recibidas aprobadas pola OMS.

As persoas que se atopen nestas situacións descritas, deben descargare de novo o seu certificado, actualizado e adaptado á nova normativa.

Caducidade aos nove meses

As persoas que recibisen o tres vacinas sen pasar a infección terán no seu certificado o seguinte código: 3/3.

Ademais, aquelas persoas que non recibiron a dose de reforzo por infectarse durante a sexta onda e que non teñen unha proba PCR (só antígenos), única proba diagnóstica que recoñece a UE, atópanse na situación de que o seu certificado de vacinación caduca ao nove meses.

O Sergas ofrece ás persoas que non teñen unha PCR que poidan acceder á dose de reforzo antes do seis meses regulados para que conten de novo co seu certificado actualizado. Polo momento o certificado coa dose de reforzo recibida non ten data de caducidade na UE.