O prezo da luz retoma a senda alcista

Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)
Mañá medra en 12,74% até alcanzar os 227 euros/MWh.

O prezo medio da electricidade no mercado continúa á alza este luns cunha subida do 12,74% con respecto a este domingo, situándose en 227 euros por megawatt hora ( MWh).

En concreto, o 'pool' rexistrará esta segunda feira un prezo medio de 227,00 euros/ MWh, uns 26 euros máis que os 201,34 euros/ MWh deste domingo, segundo datos definitivos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Por tramos horarios, o prezo máximo da luz para este 24 de xaneiro darase entre as 19.00 horas e as 20.00 horas, con 297,33 euros/ MWh, mentres que o mínimo, de 177,46 euros/ MWh, rexistrarase entre as 03.00 horas e as 04.00 horas.

Con respecto a hai un ano, o prezo do 'pool' para este luns será 690,11% máis caro que o que se rexistrou o 24 de xaneiro de 2021, de tan só 28,73 euros/ MWh.

Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada -o denominado  PVPC-, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores no país, e serven de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministración no mercado libre.

O encarecemento nos últimos meses no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos neste ano.

2021, o ano máis caro

A luz fechou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/ MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre.

O mes de decembro rexistrou un prezo medio mensual no mercado eléctrico de 239,1 euros, o mensual máis alto da historia tras superar en máis de 39 euros os 200 euros/ MWh do pasado outubro.

O Goberno ampliou até o 30 de abril a rebaixa dos impostos incluídos na factura da luz que pagan todos os consumidores co fin de paliar o efecto negativo que a subida do prezo da electricidade está a causar nos cidadáns.

En concreto, prorrogáronse até o 30 de abril as rebaixas de 21% ao 10% do IVE e do imposto especial eléctrico do 5,11% ao 0,5%, mínimo legal. Con todo, a suspensión do imposto de xeración ao 7% que pagan as empresas só manterase, por agoré, ata o 31 de marzo.

Evolución do prezo da luz en 2020 e 2021

A Flourish chart