Precintado simbólico da maquinaria que constrúe o parque eólico no Iribio

Maquinaria de contrución do parque eólico da serra do Iribio co precinto da plataforma veciñal de oposición. Foto: Salvemos O Iribio.
A maquinaria empregada pola empresa Fergo Galicia Vento para construír o parque eólico na serra do Iribio apareceu este domingo, 1 de setembro, simbolicamente precintada. O acto, organizado pola Plataforma Salvemos O Iribio, quixo amosar o rexeitamento da veciñanza ás instalacións.

Salvemos O Iribio esixe da Xunta a paralización inmediata das obras na serra courelá, lugar mítico, de enorme riqueza natural e teoricamente protexido por figuras como Rede Natura ou Ben de Interese Cultural. Para manifestalo en público, a organización precintou os camións: “É o símbolo da paralización que o Goberno galego debería instar a Fergo Galicia Vento”.

Segundo denuncian asociacións ecoloxistas, veciñais, culturais e políticas agrupadas na plataforma, o proxecto eólico “vai en contra da lexislación ambiental vixente”, que prohibe os parques en Rede Natura. “Ademais, xa destruíu parte do antigo Camiño Real, un neveiro, e invadiu o terreo de protección dunha mámoa sen que se derivasen responsabilidades”, engade.

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 14 de agosto unha resolución favorábel ao proxecto definitivo que, ao ver de Salvemos O Iribio, “vulnera manifestamente a lexislación ambiental”. “As obras estanse a desenvolver tamén en contra dos condicionantes ambientais e culturais do propio proexcto”, denuncia, “como, entre outros, o incumprimento do artigo 60 do plan director de Rede Natura ou a ausencia dun informe arqueolóxico previo ao inicio das obras dos camiños de acceso e da poligonal do parque”.

A plataforma iniciou así mesmo unha recollida de apoios a través da web Change.org para que a Xunta “cumpra a normativa vixente e impida a colocación de parques eólicos en zonas de Rede Natura”.