Prealerta de seca na maior parte da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa

Vista xeral do encoro de Portas na conta Miño-Sil, no concello de Vilariño de Conso. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Anunciouno a conselleira Ethel Vázquez en rolda de prensa. A prealerta de seca afecta 12 dos 19 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa.  

O Goberno galego declarou a prealerta de seca en 12 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, segundo anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Foi a propia conselleira a encargada de dar este anuncio en rolda de prensa. A pesar de ter subliñado que o abastecemento está "garantido", a Xunta opta por declarar a prealerta en 12 dos 19 sistemas de Galiza-Costa (desde o Río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona até o Río Mandeo e Ría de Betanzos, exceptuando a zona máis ao norte de Ferrol e A Mariña) após detectar "dúas anomalías claras" no que respecta aos niveis de precipitación e os caudais circulantes actuais.

En declaracións a Nós Diario, Roi Cuba, presidente da Asociación pola Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), indica que, neste caso en concreto, non ve perigo de "seca inminente", mais alerta dos problemas que supón o sistema de consumo de auga actual: "Poderiamos encontrarnos nunha situación en que abrimos a billa e non sae auga". Cuba destaca a influencia do cambio climático e sinala o incremento dos fenómenos meteorolóxicos extremos que tamén inflúen no agravamento da situación.

De todos modos, o presidente de Adega asegura que é preciso que a poboación "sexa responsábel" no relativo ao consumo de auga: "Como sociedade, debemos ter máis consciencia á hora de consumir certos produtos, sobre todo roupa", indica. Con todo, asegura que "a cantidade de auga que consome a poboación é pequena en comparación coa que consome a industria" á que atribúe unha maior parte da responsabilidade no que ten a ver con esta problemática.

A culpabilidade institucional

A Xunta incide na relevancia de compartir información e concienciar no consumo responsable de auga á cidadanía, co foco tamén nos concellos e comunidades de veciños co fin de optimizar o control no consumo. Porén, o Executivo galego non fica eximido no relativo a esta conxuntura. Segundo Cuba, a Xunta debe "pór límites ás grandes industrias que son as maiores consumidoras de auga". "Todo o que está a acontecer coa creación dos novos parques eólicos tamén inflúe, xa que os encoros poden verse afectados ao teren unha peor retención de auga e. por tanto, menos capacidade en termos xerais", asegura.

O feito de que as prealertas por seca se veñan repetindo anualmente indica que o executivo galego ten, canto menos, unha porcentaxe de responsabilidade ao non ser capaz de paliar esta situación.

Cuba advirte tamén que a problemática é maior nas cidades de Vigo e A Coruña, non só por seren "as máis grandes consumidoras de auga" mais tamén por eivas nos seus sistemas de abastecemento. A capacidade dos encoros e a súa evolución nos próximos meses será, sen dúbida, chave para determinar a verdadeira gravidade do problema que o país enfronta.