Así será a Abau 2022 na Galiza

Estudantes ás portas da Facultade de Dereito da USC, en Compostela, antes de realizar a Abau de 2020. (Foto: Arxina)
Os exames da proba de acceso á universidade decorrerán os días 7, 8 e 9 de xuño.
  1. Modificación de matrícula
  2. Materias
  3. Exames

Un ano máis chegan as probas de selectividade para milleiros de estudantes da Galiza que optan a entrar no sistema universitario. Os exames da proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (Abau) decorrerán os días 7, 8 e 9 de xuño nos diferentes campus das tres universidades galegas.

Modificación de matrícula

Esta semana rematou o prazo para formalizar a matrícula anticipada, destinada ao alumnado que obtivese en anos anteriores ao curso 2021-22 o título de Bacharelato ou equivalente, e mais a prematrícula ordinaria, para o estudantado xeral.

As e os alumnos que detecten algún erro nas súas respectivas matrículas deberán comunicarllo ao presidente ou presidenta da correspondente comisión delegada na hora da presentación —de 9 a 10 horas do día 7 de xuño—, mediante unha solicitude no formulario oficial que estará a disposición do alumnado na sede da comisión delegada.

Unha vez finalizada a hora de presentación do primeiro día das probas, non se permitirá ningún cambio na matrícula das probas Abau.

Materias

Obrigatorias

A parte obrigatoria da Abau consta de catro materias que se consideran troncais e, polo tanto, todo o alumnado debe examinarse delas: Lingua Galega e Literatura II, Lingua Castelá e Literatura II, Historia de España II e Primeira Lingua Estranxeira II.

Aliás, inclúese outra materia da modalidade correspondente, a elixir, en función do Bacharelato estudado, entre Fundamentos da Arte II, Matemáticas II, Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais II ou Latín II.

Optativas

Despois está a parte voluntaria, que serve para subir a nota obtida na fase xeral. O alumnado poderá examinarse dun máximo de catro materias de entre as seguintes, en función da modalidade escollida no Bacharelato: Matemáticas II, Latín II, Matemáticas Aplicadas CC.SS, Fundamentos da Arte II, Física, Xeografía, Cultura Audiovisual II, Química, Grego II, Debuxo Técnico II, Artes Escénicas, Bioloxía, Historia da Arte, Xeoloxía, Historia da Filosofía, Economía da empresa, Deseño e Segunda Lingua Estranxeira II (Inglés, Francés, Alemán, Italiano e Portugués; a materia elixida debe ser sempre dunha lingua distinta da que se examinaron como materia xeral do bloque de materias troncais da parte obrigatoria).

Exames

O exame de cada materia terá unha duración de 90 minutos, cun descanso de 30 minutos entre probas consecutivas.

Terza feira, 7 de xuño

  • 10 – 11.30 horas: Historia de España
  • 11.30 – 12: Descanso
  • 12 – 13.30: Lingua Castelá e Literatura II
  • 13.30 – 15.30: Descanso
  • 15.30 – 17: - Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais // Fundamentos da Arte II
  • 7 – 17:30: Descanso
  • 17:30 – 19: - Economía da empresa // Deseño

Cuarta feira, 8 de xuño

  • 9 – 10.30: Lingua Galega e Literatura II // Bioloxía // Historia da Arte
  • 10.30 – 11: Descanso
  • 11 – 12.30: Primeira Lingua Estranxeira II
  • 12.30 – 13: Descanso
  • 13 – 14.30: - Matemáticas II // Latín II
  • 14.30 – 16: Descanso
  • 16 – 17.30:  Debuxo Técnico II // Artes Escénicas // Segunda Lingua Estranxeira II
  • 17.30 – 18: Descanso
  • 18 – 19.30: - Química // Grego II

Quinta feira, 9 de xuño

  • 9 - 10:30: Bioloxía // Historia da Arte 
  • 10:30-11: Descanso
  • 11 - 12:30: Física - Xeografía // Cultura Audiovisual II 
  • 12:30 - 13: Descanso
  • 13 - 14:30: Xeoloxía // Historia da Filosofía

Cualificacións

As cualificacións definitivas publicaranse o día 23 de xuño, a partir das 20 horas, mais as provisionais chegarán xa o día 16, contra a mesma hora, xa que as revisións faranse entre o 17 e o 21 de xuño —até as 14 horas—.

O 24 de xuño o alumnado recibirá por correo electrónico a súa Tarxeta de Cualificación Definitiva da ABAU asinada dixitalmente coa modificación da nota, no seu caso, despois do prazo de revisión das cualificacións.

Convocatoria extraordinaria

Aliás, os días 12, 13 e 14 de xullo decorrerán os exames da convocatoria extraordinaria da Abau.