Xustiza

Os condenados a tres anos de cárcere por abusos reiterados a unha nena de Baleira teñen 10 días para entrar en prisión

Concentración en Baleira contra a sentenza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Fiscalía pedía 11 anos de prisión para a irmá maior da vítima, o seu marido e o cuñado, que recoñeceron os feitos, mais finalmente foron condenados a 3 anos cada un.

A Audiencia Provincial de Lugo vén de remitir unha comunicación aos tres condenados por abusar dunha nena en Baleira (comarca da Fonsagrada) na que se lles informa da súa obriga de ingresar en prisión nun prazo máximo de 10 días. Segundo confirmaron á axencia Europa Press fontes xudiciais, a Audiencia remitiu un exhorto ao xulgado da Fonsagrada para notificar aos procesados o decreto no que se lles outorga ese prazo.

Con todo, esa comunicación aínda non se recibiu na Fonsagrada, polo que non está concretado aínda o final do prazo, explican as mesmas fontes. Os tres procesados neste caso, a irmá maior da vítima, o seu marido e o seu cuñado, foron xulgados o pasado mes de xaneiro, acusados de abusos sexuais reiterados á menor desde que esta tiña "uns 7 ou 8 anos" de idade.

Malia que a Fiscalía pedía para cada un deles 11 anos de prisión, finalmente as partes chegaron a un acordo polo que foron condenados só a tres anos de cárcere, unha decisión que provocou numerosas críticas entre a sociedade de Baleira, o propio Concello e os movementos feministas, que protagonizaron varias protestas.

En concreto, o acordo de redución de condena, que conleva que os procesados aceptaron os feitos que se lles imputan, deriva das "dilacións" producidas nun caso que, segundo o Ministerio Público, ficou sen avances desde 2016, así como o resarcimento á vítima, á que pagaron 50.000 euros en concepto de indemnización.

Segundo recolle a sentenza, a irmá maior da vítima induciu a nena a manter relacións sexuais co seu marido e o seu cuñado desde que ela tiña "7 ou 8 anos" e até os 13. Durante este período, os agresores deixaron embarazada á nena en dúas ocasións, aos 11 e aos 13 anos. Na última ocasión chegou a ter o bebé, que deu en adopción.

Os tres procesados foron condenados como autores dun delito de abuso sexual continuado á menor e impúxoselles tres anos de prisión e inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante ese tempo. Teñen prohibido achegarse á vítima a menos de 500 metros e comunicarse con ela por calquera medio durante seis anos. Ademais, impónselles a medida de liberdade vixiada, a executar con posterioridade á pena de prisión, por cinco anos máis.

Após transcender o veredicto, máis dun centenar de persoas manifestáronse en Baleira para expresar a súa repulsa polo caso da nena que sufriu as violacións nun acto que fronte á sede do Concello. A ela achegáronse residentes en Baleira pero tamén doutras zonas dos arredores para expresar a súa "rabia" e "indignación" ante uns feitos que eran "totalmente descoñecidos" para os veciños, en palabras do rexedor do municipio, Ángel Martínez.