As praias galegas prepáranse para empezar a temporada con prazas de socorristas sen cubrir

Personas bañándose e tomando o sol nunha praia do concello de Marín.

Os baixos salarios e unha temporada curta motiva a falta de profesionais, sobre todo en localidades de menos de 5.000 habitantes

O día 21 de xuño empezou o verán e os areais galegos póñense a punto para comezar unha nova temporada na que moitos deles, co servizo de socorrismo aínda pechado, terán dificultades para conseguir cubrir todas as prazas destes profesionais.

A presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galiza, Nuria Rodríguez, sostén que actualmente hai moi poucas praias da Galiza con este servizo aberto de cara a esta temporada estival, polo que conseguir socorristas "vailles xerar un problema".

"Os socorristas van ir onde lles dean máis días de cotización, entón cando queiran abrir as praias volveremos atopar un déficit importante de profesionais nos areais", advirte Rodríguez.

Ademais, a responsable da Federación remarca que "haberá praias que queden sen socorristas" xa que "están a empezar moi tarde a temporada e as praias que empezaban sobre o 15 ou 20 de xuño non van empezar até o 1 de xullo", explica.

Para poder paliar ese déficit, e sobre todo que os socorristas marchen a outros postos de máis duración, Rodríguez subliña que unha temporada de "catro meses sería o ideal" ao tempo que lembra que esas temporadas existiron "nalgún momento". "Agora hai temporadas de mes e medio e a xente dedícase a outras profesións antes que a ser socorrista", lamenta.

Nisto coincide a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que lembra que "desde hai anos, cando chega a temporada do verán", os alcaldes informan das dificultades que teñen na contratación de socorristas.

Así, a entidade municipalista detecta que "é un problema común para todos os concellos", independentemente da súa tipoloxía, aínda que os de menos de 5.000 habitantes son "os que resultan máis afectados".

 

 

Redución da formación 

Ante o déficit de socorristas do pasado verán a Xunta, en maio deste 2023, modificou o decreto do 2021 e incorporou tres novas formas de acceder a este rexistro de profesionais.

A isto refírese a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galiza, que expón que esa falta de profesionais "non só inflúe na formación", senón que os concellos deben "facer o esforzo de motivar esta profesión".

"Sabemos que necesitamos aos socorristas o día 15 de xuño, hai que facer as cousas cunha previsión e este ano non se está vendo a repercusión do decreto", esgrime Rodríguez.

Ademais, remarca que "non son partidarios" desa redución de formación ao socorristas pero que é unha demanda dos concellos e insiste en que "non é a formación a chave de que non haxa socorristas nas praias".

Así, puntualiza que "ten que ser moito máis motivante e estábel, e ten que haber un aumento de salarios" o que definiu como "máis importante".

A Fegamp tamén valora ese novo decreto e recoñece que a situación electoral nos concellos "poida que aprazase" as convocatorias dos procesos de selección, e que agora se coñecen distintas medidas económicas de apoio á contratación que "non terminan de resolver a carencia de contratación de socorristas, motivada pola curta temporada de traballo e os baixos salarios".

 

 

Praias sen socorristas na Illa 

Este ano, a Galiza conta con 113 praias, pertencentes a 34 municipios, con bandeiras azuis. 

Así, o municipio da Illa de Arousa xa sufriu este ano ese déficit de socorristas de cara ao comezo da temporada. O novo alcalde da localidade, Luís Arousa, explica que durante os últimos días o consistorio anunciou unha oferta de emprego para contratar a seis socorristas, xa que a localidade ten dúas praias con bandeira azul.

"Había 50 persoas que estaban seleccionadas para a súa presentación e asistiron só tres, que foron as elixidas. Por tanto, se se manteñen e non marchan a outros concellos, en principio abriremos só unha praia", detalla Arousa.

Agora o debate de elección será cal das dúas praias, Area dá Secada ou O Vao, escollerán para ofrecer ese servizo aos bañistas xa que con ese número de profesionais "non poden facer a rotación nos dous areais".

Para a Fegamp, é necesario que tras analizar como vai resultar a temporada estival neste ámbito, se adopten medidas que "melloren as condicións laborais e que permitan aos concellos poder dispor de persoal socorrista en todas as praias" que presten un "servizo de calidade que evite situacións de risco desde a prevención".