A praia da Madalena, unha reserva mariña ameazada polas administracións

Concentración convocada por Somos Cedeira

O Concello de Cedeira e o Ministerio de Agricultura están a piques de iniciar un plan de recheo que habilite o areal para o período estival após o inverno. Porén, desde a Plataforma Somos Cedeira exixen o desenvolvemento dun estudo de impacto ambiental e veñen de denunciar perante o Seprona o que coidan un delito ecolóxico. 

 

A Praia da Madalena en Cedeira fai parte dunha reserva mariña catalogada como tal polo seu interese pesqueiro. Após os duros temporais que azoutaron a costa galega este inverno, boa parte do seu areal desapareceu. Neste senso, o Concello de Cedeira e o Ministerio de Agricultura através de Demarcación de Costas planexaron o desenvolvemento dun plan de recheo que devolva a area á praia visando o inicio dun novo período estival. 

Porén, desde a Plataforma social Somos Cedeira e a organización ecoloxista Adega, advirten que a aplicación destes recheos suporá graves prexuízos ecolóxicos para a zona. E é que "a fauna do areal supón a base da pirámide trófica da zona”, afirma Xandro García desde Adega en relación ás especies que habitan na superficie da praia e das que se nutren boa parte dos peixes existentes na reserva mariña. "Cando se soterra a praia desaparecen, morren", subliña. 

Sen estudo de impacto ambiental

Así pois, desde o colectivo exixen o desenvolvemento dun estudo de impacto ambiental antes de levar adiante o plan de recheo. "Non queremos que se volvan tirar ao mar os cartos públicos para que os temporais desfagan todo cada inverno", apuntan na petición rexistrada en Change.org á que se adheriron xa máis de 700 persoas. 

Os recheos desenvolveranse sen realizar un estudo do impacto ambiental que analice os posíbeis prexuízos ecolóxicos, embora ser unha obriga legal nos espazos protexidos como a ría de Cedeira

Cumpre lembrar que o Concello desenvolveu tres recheos desde 2001. “Son ineficaces”, apunta Xandro García. Aliás, o plan visa levar a cabo o recheo con area da propia ría, o que aínda traería maiores prexuízos ecolóxicos para un espazo catalogado como reserva mariña de interese pesqueiro na que se desenvolven actividades como o marisqueo.

Denuncia perante o Seprona

Por esta razón, Somos Cedeira vén de presentar xunto con outras organizacións (ANOVA Cedeira, BNG Cedeira, EU Cedeira, Galiza Nova Cedeira, ADEGA Ferrolterra) unha denuncia perante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) a meio da cal exixen a paralización "de inmediato" dos plans "sen someter os devanditos traballos ao preceptivo estudo de impacto ambiental". Para as organizacións e colectivos asinantes da denuncia, as administracións públicas estarían a cometer un posíbel delito por prevaricación ao non se cumprir a normativa ambiental vixente. 

"A zona na que se prevé actuar está dentro da reserva mariña" un espazo protexido catalogado de interese pesqueiro e rexido polo Decreto 28/2009 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (DOGA 33/2009) e a  Lei 21/2013, do 11 de decembro de 2013. Neste senso, segundo o marco xurídico actual será exixíbel "unha avaliación de impacto ambiental ordinaria (completa)" face calquera proxecto que os poida alterar. 

Mais as demandas da veciñanza, dos colectivos ecoloxistas e de diversas organizacións políticas non están a ser escoitadas polas administracións que mesmo advirten do inminente inicio das obras. Desde Somos Cedeira advirten que mobilizarán a centos de persoas no mesmo momento en que dean comezo os recheos. "Estamos mollados e queremos seguir mollados na defensa da Praia da Madalena", subliñan.