Caderno de Verán

O pracer de durmir no faro

O faro de Illa Pancha, xunto a Ribadeo (Foto: Aloxamentos Turísticos de Illa Pancha)
Os responsábeis dos hoteis dos faros ou do seu contorno promocionan unha experiencia única, mais non é preciso porque a situación dos inmóbeis véndese por si mesma. Rumoréase que aos tres estabelecementos abertos, pronto se sumarán dous.

Na Galiza non só os fareiros, unha especie case extinta, poden darse o gusto de vivir unha experiencia en solitario nun faro en funcionamento. Polo de agora hai abertos tres estabelecementos nos edificios destas balizas para a navegación ou no seu contorno más próximo. Ademais, dado o éxito que está a ter durmir arrullado polo mar bravo, rumoréase que hai dous aloxamentos máis en camiño tras a concesión de explotación dos inmóbeis en Lariño (Carnota) e Cambados. 

Chegar a unha comuñón de tranquilidade co ir e vir das ondas non é tarefa libre de dificultades, pero pasando uns días preto do océano hai máis marxe de ir entrenando. 

"A illa ten unha paisaxe marabillosa coa construción exterior case intacta e un interior moi atractivo con instalacións domóticas", conta o xerente dos aloxamentos turísticos do faro de Illa Pancha, José Luís López.

Non minte no da paisaxe, pois para quen visita Ribadeo, ir botar unha ollada á zona é case tan obrigado como pasar a comer un arroz na pequena localidade de Rinlo. 
Cando se lle pregunta por que atraen estés espazos á xente resalta que, polo menos eles, o que venden "é exclusividades e liberdade, sen masificacións porque como máximo vai haber oito persoas aloxadas".

Ademais ninguén máis que a clientela e o cadro de persoal pode cruzar a pequena ponte que separa a illa e o faro de terra firme. 
No caso do Hotel O Semáforo de Fisterra, a instalación non é no mesmo faro senón detrás del, pero o encanto deste lugar do litoral galego fai peregrinar a centos de persoas aos acantilados e ao complexo hostaleiro. 

"Estes sitios teñen unha situación privilexiada, aquí hai xente que chega após facer o Camiño", xustifica o xerente do negocio, Jesús Picallo. Até lles chega xente que vai recorrendo a costa polo Camiño dos Faros

A explicación que atopa Picallo a todo isto "é o magnetismo" que desprende a zona. "Os solpores son infinitos e á noite aparece a lúa por detrás do monte Pindo e pódense ver as estrelas pola baixa luminosidade", subliña. Con estes anuncios é difícil non desexar ter a oportunidade única de descansar nun faro.