O PP valora positivamente que a UE se mostre aberta a reducir a protección do lobo

Manda de lobos. (Foto: Nós Diario)

Lamentan que o "ecoloxismo de pancarta" só serva para "perpetuar o desequilibrio entre a protección da especie e o mantemento do sector primario".

O Partido Popular da Galiza valora “positivamente” que a Comisión Europea se mostre aberta a estudar a posibilidade de reducir a protección do lobo, xa que isto é o que a formación “leva demandando desde hai tempo da man do sector primario e desde diferentes ámbitos”.

Así o manifestaron os populares esta semana nunha reunión informativa sobre a situación do lobo e o xabaril que organizaron na súa sede en Santiago de Compostela.

Alí, alcaldes e voceiros, así como representantes do sector primario, tiveron a oportunidade de debater sobre a situación xunto á directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e os presidentes das comisións de Medio Ambiente e de Medio Rural do PPdeG, Marisol Díaz e Avelino Souto.

O recente comunicado da Comisión Europea sobre a posible revisión do nivel de protección do lobo en Europa vai na liña da postura defendida pola formación “desde hai anos”.

Desde o PPdeG insisten en que o seu obxectivo é “garantir o equilibrio entre a protección do lobo e o mantemento do sector primario”.

Pola contra, critican, o “ecoloxismo de pancarta” que defende o Goberno estatal de Pedro Sánchez, que “só serve para perpetuar ese desequilibrio ao que agora as autoridades europeas queren por fin poñer remedio”.

“Non estamos en contra da protección do lobo, pero si estamos a favor da protección dos nosos gandeiros. Porque sabemos, como temos demostrado nestes anos, que un modelo que garanta as dúas cousas é posíbel”, conclúen os populares