O PP vira as costas á mobilización popular e dá luz verde á tramitación da lei de saúde

Bancadas da oposición

A maioría absoluta da formación conservadora rexeita as emendas á totalidade e a oferta de diálogo formuladas pola oposición. O PP ignora así a multitudinaria manifestación deste domingo contra unha reforma que suprime catro áreas sanitarias: O Barco, O Salnés, Monforte e A Mariña.

Non ás emendas á totalidade e non a suspender a tramitación da reforma da Lei de 2008 de Saúde de Galiza para abrir un novo proceso de diálogo após a masiva manifestación de protesta deste 4F. Así respondeu a maioría absoluta do PP ás propostas das tres formacións da oposición, En Marea, PSdeG e BNG, que emitiron discurso nunha frecuencia de onda moi semellante.

 

Nos corredores do Pazo do Hórreo, e en declaracións á imprensa, o portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública Manuel Marín cargou contra o PP pola súa "cerrazón e soberbia" ao se negar a entrar en vías de diálogo após a mobilización do domingo. "Ficamos moi sorprendidos pola falta de vontade de diálogo que ten o grupo parlamentar popular e, sobre todo, a vontade de ignorar a populación que o domingo expresou dunha maneira masiva o seu rexeitamento a este modelo de decreto e ao decreto en si mesmo", declarou Marín.

 

Xa no propio debate parlamentar, o PP desconsiderou as críticas da oposición -cualificounas de "mantra"- e defendeu a reforma sanitaria co argumento de que blinda a existencia dos hospitais comarcais e de que potenciará o rural. En realidade, a nova lei elimina catro áreas sanitarias -A Mariña luguesa, Monforte, O Barco e O Salnés- e aposta na centralización de servizos nas áreas máis populosas do país.

 

Eva Solla (En Marea) tildou a modificación da lei de 2008 de "contrareforma" e ligouna a un plano do PP para "destruír a sanidade pública", en tanto que Julio Torrado (PSdeG) ve "covarde" esta iniciativa do Goberno Feijóo e alerta de que "oculta cousas". Para Montse Prado (BNG), non estaríamos perante unha "modificación menor nen un mero cambio de terminoloxía", mais si perante "un auténtico ataque á liña de flotación da sanidade galega".

 

A reforma vai na direccion de retallar prestacións. Julio Torrado puxo un exemplo concreto: na área de Valdeorras até agora prestaban os seus servizos 4 traumátologos. Agora, dixo, hai "dous, ás veces uns".