Milleiros de persoas ateigan Compostela en defensa da sanidade pública

Milleiros de persoas ateigaron este domingo as rúas de Compostela en defensa da sanidade pública e contra as retalladas realizadas polos gobernos de Alberto Núñez Feijóo. O rexeitamento á privatización progresiva e o desmantelamento do dereito á saúde uniron aos tres partidos da oposición parlamentaria e aos principais sindicatos. Vídeo no interior
 

A dous días de que o Parlamento debata a Lei de Saúde, os manifestantes amosaron o seu desacordo cunha política, a do Partido Popular, que reduciu os orzamentos sanitarios practicamente desde que en 2009 chego á Xunta de Galiza. “A nova Lei de Saúde suporá, ademais, o desmantelamento dos hospitais comarcais”, denunciou Manuel Marín, portavoz de SOS Sanidade Pública, quen tamén lembrou o recente colapso das urxencias e alertou dos “chiringuitos que se están montando” co “proceso de privatización do I+D+i”.

 

A defensa dunha sanidade descentralizada, en que os sanatorios e hospitais comarcais sexan nodos fundamentais da atención pública, foi un dos elementos principais da manifestación deste domingo na capital do país. Os carteis e pancartas alusivas a problemáticas específicas combinábanse con lemas máis xerais -“Pola defensa da sanidade pública”, rezaba a que sostiñan os líderes da oposición, Luís Villares de En Marea, Gonzalo Caballero do PSdeG e Ana Pontón do BNG- e cánticos contra Feijóo: “Presidente privatizador”.

 

“Recortes na pública, cartos para a privada” ou o máis directo “este Goberno é unha mafia” puideron sentirse ao longo do percorrido da protesta, que rematou nunha Praza da Quintana que quedou pequena.

 

Para a portavoz nacional do Bloque Ana Pontón, Feijóo “non pode usar a maioría absoluta como un cheque en branco para desmantalar a sanidade pública”, e lembrou que nos últimos anos “se recortaron máis de 3.000 profesionais, deixaron de utilizarse 700 camas, aplicáronse repagos que impiden o acceso de moitas persoas enfermas á sanidade e as listas de espera seguen medrando”.

 

O líder de En Marea, Luís Villares, asegurou que “a cidadanía ten un desexo compartido, unha sanidade publica que atenda pronto, con profesionais públicos e preto da casa”. Pola súa banda, o socialista Gonzalo Caballero tildou de fracasadas as políticas sanitarias de Feijóo. “A xente quere unha sanidade pública, gratuita, de calidade e próxima”.

 

Na Quintana, a actriz Isabel Risco leu o manifesto da Plataforma SOS Sanidade Pública, en que se afirma que a Lei de Saúde que se debate esta terza feira no Hórreo "forma parte dunha estratexia da Xunta de privatizar a atención sanitaria". "Oitenta e seis pacientes pasan diariamente da sanidad pública á privada", engadiu.

 

O Partido Popular recibiu a noticia dos milleiros de persoas que se manifestaron en Compostela cunha campaña nas redes sociais baixo os marcadores #stopbulos -contra toda evidencia empírica a respecto das políticas da dereita sobre a sanidade pública- ou contestando de maneira personalizada a usuarias e usuarios das mencionadas redes. Ademais, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acusou ás "plataformas" que se opoñen á Lei de Saúde de verquer datos falsos.

 

Nota: na pancarta, os líderes da oposición e dos sindicatos.